A praza do Hospital énchese de xente
Mesmo antes da súa inauguración o xoves 31 de marzo a nova praza do Hospital encheuse de xente. Trátase dun espazo de 1.200 m2 de alta calidade, que crea unha nova centralidade urbana na zona leste da cidade. A previsión do goberno municipal é ampliar a praza até a rúa Antón Fraguas, duplicando a superficie actual. Esta actuación, prevista para o ano 2017, enmárcase no proxecto de reforma urbana da rúa Loureiro Crespo, desde o Hospital até a rúa 12 de novembro-José Malvar.
A nova praza do Hospital supuxo un investimento de case 400.000 euros, que incluiu a renovación da rede de abastecemento de auga e a creación dun espazo público peonil con plataforma única, pavimentado con louseta e formigón negro.
Trátase de crear un espazo central de convivencia, relación social, lecer e actividade económica nunha zona da cidade que até agora carecía deste tipo de equipamento. A nova praza dotouse de arborado, bancos, papeleiras e un novo alumeado, configurando un espazo de alta calidade urbana, que vai actuar como un novo centro da vida cidadá.
Como informou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, no acto de inauguración, mostrouse orgulloso da obra e do como os veciños e veciñas a fixeron súa dende o primeiro momento, e anunciou que o goberno municipal está negociando co SERGAS unha serie de melloras na parte dianteira do Hospital Provincial, para integrar o acceso e os xardíns na nova praza, dándolle máis amplitude e contribuindo tamén ao embelecemento da fachada principal do centro hospitalario. Esta negociación inclue tamén o traslado da caseta do centro de transfusións, para mellorar o acceso a urxencias das ambulancias.