A nova praza de Barcelos: 2000 m2 de espazo público peonil e de lecer
A actuación de peonalización de parte dos viais da praza de Barcelos foi resultado dunha proposta do centro escolar (alumnado, profesorado e ANPA), que propuxo incorporar o espazo da praza como zona educativa e de lecer xa que o colexio carece dun patio de xogos propiamente dito. A partir de aí traballouse na procura dunha solución que permitise garantir e mesmo mellorar a mobilidade na praza- eliminando o tráfico rodado da entrada do centro escolar.
O proxecto de intervención na zona foi presentado á comunidade escolar, a residentes e comerciantes, que fixeron diversas propostas que se tiveron en conta na realización da intervención. Desde o goberno municipal valórase moi positivamente a transformación, que permitiu acadar os seguintes obxectivos:
- Obter un novo espazo público para actividades deportivas e de lecer, incluindo as que realice o propio centro educativo.
- Reordenar a mobilidade e o estacionamento, desviando as molestias e riscos do tráfico a motor, e xerando unhas sesenta prazas de estacionamento de servizos, pensadas para dinamizar a actividade comercial.
- Dotar a praza de novos equipamentos recreativos e deportivos
- Ampliar no futuro o parque infantil, tanto en superficie como en novos equipamentos
- Potenciar os valores estéticos e patrimoniais do muro de Santa Clara
Ademais destes resultados beneficiosos para a maioría, no futuro prevense novas actuacións de mellora na contorna:
- Reforma integral da rúa do Rouco
- Mellora dos pavimentos e do mobiliario da praza
- Arranxo do pavimento dos viais perimetrais
- Renovación do alumeado
- Mellora da accesibilidade ao colexio
- Soterramento do transformador de FENOSA
Trátase dun plan de actuación plurianal que vai permitir unha transformación completa da praza de Barcelos, para convertila nun espazo central da cidade, cheo de dinamismo e calidade de vida.