O Concello acorda esixir do goberno español o acceso ás novas terapias para doentes de Hepatite C
A enfermidade hepática causada polo Virus de Hepatite C (VHC) constitúe un grave problema de saúde pública. Calcúlase, en cifras do Ministerio de Sanidade, Igualdade e Asuntos Sociais, que unhas 700.000 persoas son portadoras deste virus no conxunto do Estado español.
Desde o 2014 a Axencia Europea do Medicamento aproba o uso de novas terapias de antivirais de demostrada eficacia que quedan a disposición dos facultativos para ser prescritos nos casos que determine o criterio médico.
Por primeira vez no SNS se rompe este principio e un medicamento ve limitado a súa prescripción médica por cuestións de prezo. Isto inicia un novo tempo para a sanidade pública descoñecido até o de agora, que no futuro se pode volver a dar con outras doenzas, tal como advirten numerosos colectivos médicos, e aínda máis agravado polo impacto do Tratado de Libre Comercio entre EE.UU e a U.E., que favorece a liberalización e privatización do sistema sanitario
A propia Organización Médica Colexial a través dun comunicado, defendeu o dereito a saúde por riba de calquera patente e advirte dos prezos abusivos e cobizosos da industria farmacéutica que van moito máis alá da rendabilidade empresarial, xa que se trata dun medicamento que ten un prezo de 69.000 euros en EE.UU e 750 euros en Exipto, e o custe real de produción está so redor dos 100 euros. A propia OMC denuncia a vulneración dos tratados de Unión Europea pola incapacidade da Unión para unificar e negociar dunha maneira transparente un mellor e máis xusto prezo para todos os cidadás europeos.
Ante esta situación que podemos calificar de emerxencia, urxe financiar os tratamentos da hepatite C cos recursos económicos que sexan precisos e evitar que no futuro se repitan casos semellantes.
Diante desta situación, o Pleno do Concello de Ponvedra acordou:
1.Instar ao Goberno galego para este se dirixir ao Goberno de España e exixir que se garanta o acceso ás novas terapias para as persoas doentes de Hepatite C que o precisaren. Todo isto debe producirse de acordo co criterio de médicos/as especialistas, que deben dispor de todos os recursos que foren precisos para a atención dos casos definidos como de tratamento urxente pola Asociación Española para o Estudo do Fígado na súa recente reunión co Ministerio de Sanidade, Igualdade e Asuntos Sociais.
2. Instar ao Goberno galego a tomar as medidas necesarias para que a terapia cos novos fármacos para a Hepatite C se dispense nas farmacias hospitalarias a aqueles doentes a que lle for prescrita por persoal médico especialista do Servizo Galego de Saúde, de xeito inmediato á súa prescrición.