Os colectivos do ámbito da discapacidade e dependencia únense a Redeaxuda
A concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces, mantivo eun encontro coas asociacións vinculadas ao ámbito da discapacidade e da dependencia para pedirlles a súa adhesión ao proxecto Redeaxuda. Aínda que Redeaxuda naceu pensando nas persoas máis desfavorecidas, a Concellaría entende que é o momento de dar o salto a outro tipo de entidades que traballan o eido social, dado que a actual crise está alcanzando a un gran número de familias de todos os sectores sociais. Ao incluir a este tipo de colectivos, a rede faise máis rica e permite aproveitar máis sinerxias para coñecer máis situacións de emerxencia, favorecer o intercambio entre os colectivos ou, incluso, impulsar o voluntariado entre as asociacións.
Anfapo, Amigos de Galicia, Federación de xordos, Asociación de Xordos Río Lérez, Xuntos, Juan XXIII, Asociación contra o cancro, Amencer e Amizade-Cogami apostaron por participar da Redeaxuda, e mellorar a actuación preventiva en casos de familias que comecen a estar en situacións difíciles.
Acordaron ampliar a rede e impulsar a área de voluntariado; deseñar proxectos interasociativos que beneficien ás persoas necesitadas destes servizos, en particular, pero a toda a cidadanía, en xeral.
A Concellaría de Benestar Social considera que é o momento de que todos os colectivos, entidades ou asociacións que traballan directamente no ámbito social traballen en conxunto para mellorar a calidade de vida dos veciños de Pontevedra que están a pasar por dificultades, o que redundará na calidade humana da cidade. Nesta liña de contactos, Carmen Fouces manterá proximamente encontros coas asociacións de veciños.