Arranca o Culturgal en Pontevedra
Un ano máis Pontevedra acolle o culturgal, a cita anual máis importante das industrias culturais galegas. Dende hoxe e durante todo o fun de semana o pazo da cultura, o recinto feiral e diversos espazos da cidade acollen o máis significativo da nosa creación.
O acto foi inaugurado polo alcalde de Pontevedra, cun discurso en defensa do idioma e da cultura propia do país.
Dixo, Miguel Anxo Fernández Lores:
"Abrimos unha vez máis as portas desta Casa da Cultura galega, que é como dicir o lugar no que reside toda a esencia creativa do noso país.
Este lugar que resume o xenio, o fundamento, a vida común que os galegos e galegas convertimos no que hoxe denominamos produtos culturais e que son o espello no que nos reflectimos todos e cada un dos moradores desta terra.
Unha industria, a que está asociada á creatividade, que atravesa unha peculiar travesía no deserto.
Nun ermo no que conflúen as amenazas exteriores da globalización, a economía e os novos medios, coas dinámicas internas de moitas persoas incapaces de confiar no idioma e no propio país como un camiño de futuro e de porvir.
Desde Pontevedra ofrecemos toda a luz e toda a forza para proxectar sobre Galiza os froitos maduros e frescos da nosa cultura.
Os libros, os discos, o teatro, o cinema, a ilustración, a plástica, a expresión oral, a literatura, a música, a fotografía, o deseño...
Todos e cada un dos creadores e os traballadores deste sector do coñecemento teñen en Culturgal e en Pontevedra a súa casa, no idioma galego o seu principal vehículo e en Galiza o seu fundamento, cun mercado que por fortuna cada vez sobarda máis as nosas propias fronteiras.
Un sector, a industria cultural, que ademáis de servir á potencia simbólica do país, é tamén un gran xenerador de enerxías laborais, o que se traduce en riqueza para unha grandísima cantidade de profesionais vencellados á edición, a produción e ás novas dimensións dun sector en incesante cambio.
Novos azos para un país que precisamos seguir enchendo de formas e maneiras de expresión, esculcando na súa alma, creando cada día novos universos que actualicen e revivan a nosa memoria e o noso mundo, exhibindo diante de propios e foráneos a grandísima riqueza que agocha a nosa terra.
Un país que estou seguro que saberá recuperar o curso dos ríos e impulsar novas ondas nos océanos para frear a parálise, para deixar atrás as malas sombras, para abrazar un optimismo que a razón non ampara, e encher os folgos de poesías que nos axuden a ver o sol baixo a treboada.
Grazas por volver a Pontevedra coas súas equipaxes cheas de soños, de ideas, de contos e de propostas.
Ogallá esta feira lles axude a vivir cada día mellor co froito do seu traballo, e a convertir o seu esforzo en resultados tanxibles, en beneficios concretos.
Os que desde as institucións estamos a traballar cada día resistindo para que a cultura galega cobre novos azos, daremos por ben empregado cada esforzo se iso serve para que o noso idioma amplíe usuarios e a nosa cultura chegue a cada vez máis lugares e máis vizosa que nunca.