"Voces Ocultas", unha aposta pola inclusión e creación musical e artística con persoas con diversidade funcional como protagonistas

Presentación de Voces ocultas
Presentación de Voces ocultas
"Voces Ocultas", unha aposta pola inclusión e creación musical e artística con persoas con diversidade funcional como protagonistas

Pontevedra, 8 de outubro de 2025. A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, presentou o renovado proxecto Voces Ocultas: inclusión, formación e profesionalización no mundo das artes e o audiovisual para persoas con outras capacidades, xunto co director-coordinador da iniciativa, Gonzalo Maceira. 

Trátase dunha iniciativa que conxuga creación musical e audiovisual e sensibilización social, alicerzada en dous piares: a formación dun grupo musical inclusivo e unha intervención didáctica nos institutos, dirixidos a fomentar a inclusión e a creatividade a través da música e a tecnoloxía, destacando as capacidades das persoas con diversidade funcional no ámbito artístico. 

“Queremos romper barreiras, estereotipos e falar de inclusión no mundo da música e da creación e tamén, de ser posible, no eido laboral. A industria cultural non pode quedar de lado”, destacaba a concelleira Anabel Gulías, quen encomiou unha iniciativa que emerxe de novo e máis ambiciosa. 

Anabel Gulías: “Hai que romper barreiras, estereotipos e falar de inclusión no mundo da música e da creación e tamén no eido laboral. A industria cultural non pode quedar de lado”

Após dunha primeira etapa iniciada no 2016 e interrompida pola pandemia da Covid-19, Voces Ocultas -que mantén o seu ideario a prol da inclusión e a visibilización das persoas con discapacidade dentro do ámbito sociocultural da cidade- evoluciona cara un aula de formación continuada en música, fotografía, artes plásticas e formación literaria e ensinanza individualizada onde un grupo de persoas con diversidade funcional participarán na creación de propostas culturais cunha perspectiva de 4 anos. Unha aprendizaxe en habilidades técnicas e creativas que lles permita tentar oportunidades laborais no mundo da arte e o audiovisual (labores de produción, actividades vencelladas á composición musical, creación de guións ou de imaxes). 

A canteira desta aula de formación estará nos usuarios/as de cinco asociacións -xa contactadas- que amosaron interese neste proxecto de inclusión social e laboral: Amencer-Aspace, Amizade, Xuntos, Asociación Xoán XXII e a Asociación de dis-capacitados intelectuais Virxe da O. 

Haberá varios módulos formativos. O piar fundamental será o módulo de son e música, do que sairá unha agrupación musical enfocada cara a actuacións en directo e co horizonte, a medio prazo, de crear un circuíto de concertos. Ademais achegaranse a campos creativos como as bandas sonoras para audiovisuais ou videoxogos, música para publicidade ou para eventos, etc.

Tan importante como a creación dun futuro circuíto cultural no que as persoas diversas se expresen artisticamente e a xente con dis-capacidade se poda ver representada, é para os promotores do proxecto poder tecer unha rede de empresas e artistas que apoien e poñan en valor as producións de Voces Ocultas, contribuíndo a crear un espazo no ámbito profesional cultural para as persoas con diversidade funcional. 

De xeito complementario, xunto con outras institucións e entidades, a aula de Voces Ocultas disporá de obradoiros de artes plásticas, en colaboración coa Facultade de Belas Artes e a Asociación Arela; obradoiros de composición escrita, en colaboración con residencias da Terceira Idade e obradoiros de imaxe e fotografía. 

O cadro docente do Estudo Bonobo, con Gonzalo Maceira á fronte, desenvolverán a formación da aula de Voces Ocultas. E tamén contarán con colaboracións de músicos como Violeta Mosquera, Fran Barros ou Alejandro Alonso. 

Por outra banda, Voces Ocultas quere achegar a realidade das persoas diversas ás aulas e neste marco elaborará unha unidade didáctica para IES cos seguintes retos: a concienciación do alumnado sobre a diversidade; a interacción directa dos estudantes cos membros do proxecto; a toma de contacto co proceso creativo e a participación dos e das estudantes no concerto de Voces Ocultas, que amosará o traballo realizado nunha primeira fase e que se celebrará en maio/xuño. 

Gonzalo Maceira quixo pór o foco na educación: “Queremos concienciar as xeracións vindeiras, apostar por elas, amosando nos centros de secundaria (IES) este proxecto inclusivo e o traballo duns artistas con outras capacidades, que non o teñen doado para topar espazos creativos, público e o camiño da profesionalización”, subliñou. 

"Voces Ocultas", unha aposta pola inclusión e creación musical e artística con persoas con diversidade funcional como protagonistas