Manuel Fariña celebra que a Xunta reaccione e poña solución á parálise nas obras co CEIP San Clemente

IES San Clemente
IES San Clemente
Manuel Fariña celebra que a Xunta reaccione e poña solución á parálise nas obras co CEIP San Clemente

Caldas, 10 de outubro de 2025. O tenente de alcalde Manuel Fariña vén de celebrar que a Xunta teña reaccionado e anunciado unha pronta solución aos problemas xurdidos polo parón nas obras de reforma do CEIP San Clemente. O responsable municipal agarda que as reparacións de urxencia prometidas polo goberno galego supoñan como mínimo o arranxo da calefacción do centro de ensino para antes de que chegue o frío. 

Aproveitando a situación de “comprensión” amosada polo goberno galego, o nacionalista insta tamén ao conselleiro Román Rodríguez a ser “igual de receptivo” ante os problemas de falta de profesorado e a recuperar a terceira unidade de Infantil necesaria para atender a todo o alumnado do colexio.

Fariña agarda que a actuación de urxencia para solucionar os danos existentes no edificio e poñer en marcha as instalacións fóra de servizo sexa unha realidade canto antes e non “canto ao sol” para evitar as críticas á Xunta da comunidade escolar, moi molesta ao acumular “unha gran ‘ristra’ de desagravios” dende o curso pasado. 

O nacionalista subliña que nestes momentos só están habilitados e en funcionamento menos da metade dos baños. Destaca que as canalizacións da calefacción están cortadas e polo tanto inoperativas e que tamén se deixou sen luz ás aulas da planta superior, sendo isto último o único que está solucionado a día de hoxe. 

“Agradecemos á Xunta que atendera as reclamacións feitas polo Concello ante o parón nos traballos pola suspensión de pagos da empresa, mais resulta sorprendente que, con ese panorama, digan que non se iniciaran realmente as obras senón que eran simplemente ‘actuacións previas’”, subliña Fariña, quen insta ao goberno galego a facer  unha tramitación e adxudicación áxil da globalidade da reforma -valorada en 400.000 euros- “e non só das actuacións urxentes para saír do paso”. 

Segundo Fariña, a comunidade escolar merece un centro no que se poida garantir a calidade do ensino e non ter que convivir con materiais de obra por medio dos espazos comúns e os corredores. 

O responsable municipal quixo aproveitar a súa comunicación cara á Consellería e instou de novo a Román Rodríguez a visitar o centro para coñecer en primeira persoa o seu día a día educativo. Subliñou que a Xunta tamén necesita “recapacitar” sobre a reapertura da terceira unidade de Infantil que reclama a dirección do centro e as familias. 

Manuel Fariña celebra que a Xunta reaccione e poña solución á parálise nas obras co CEIP San Clemente