As obras que transformarán os edificios do antigo conservatorio e Churruchaos avanzan en tempo e forma

Visita ás obras do antigo conservatorio
Visita ás obras do antigo conservatorio
As obras que transformarán os edificios do antigo conservatorio e Churruchaos avanzan en tempo e forma

Pontevedra, 8 de outubro de 2025. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, realizou este mércores unha visita institucional, acompañado do delegado do Goberno na Galiza, Pedro Blanco, para repasar a situación actual das obras que se están a cometer nos edificios do antigo conservatorio e de Churruchaos. Durante o percorrido por ambos os dous espazos, o rexedor puido coñecer o alto grao de avance dos traballos, que estarán rematados, salvo sorpresa, antes de marzo do ano que vén.

O proxecto está cofinanciado polas axudas á rehabilitación de edificios de titularidade pública, incluídas dentro do Programa de Impulso a la Rehabilitación de los Edificios Públicos (PIREP), xestionadas polo Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.

Así, no caso do edificio municipal de Churruchaos, trátase dunha obra de «gran complexidade», e que conta cun investimento próximo aos 1.300.000 euros, rehabilitando e reformando de xeito integral 800 metros cadrados a través dun baixo e tres andares. Entre os puntos máis importantes desta obra estarían os de dotalo de accesibilidade universal, climatización e unha mellora substancial do illamento exterior. Tal e como sinalou o rexedor, o uso futuro deste edificio seguirá ligado a oficinas municipais, dependendo das necesidades existentes.

Pola súa banda, as obras no antigo conservatorio teñen unha complexidade aínda maior, ao ser un edificio realmente grande, que conta cunha superficie de 1.600 metros cadrados. O custe da actuación sitúase nos 1.600.000 euros e agarda ser un lugar de encontro para actividades relacionadas coa cultura, a empresa e a creatividade. Cómpre lembrar que o Seminario Permanente de Jazz será un dos seus primeiros usuarios.

As obras que transformarán os edificios do antigo conservatorio e Churruchaos avanzan en tempo e forma