AS OBRAS DEBERÁN ESTAR REMATADAS EN MARZO DE 2026

Caldas adxudica o proxecto turístico para deseñar a experiencia de visita e musealización da Carballeira e o Xardín Botánico

Manuel Fariña na Carballeira
Manuel Fariña na Carballeira
Caldas adxudica o proxecto turístico para deseñar a experiencia de visita e musealización da Carballeira e o Xardín Botánico

Caldas, 8 de outubro de 2025. O Concello de Caldas de Reis ten xa traballando a todo rendemento á empresa adxudicataria do proxecto turístico, a UTE ATLANTIC TRIVIUM CALDAS, deseñando a experiencia de visita e musealización da Carballeira e o Xardín botánico como ‘Museo aberto 24/7’. Esta firma, creada especificamente para os traballos da vila termal, terá que entregar o documento inicial que marcará a folla de ruta para poñer en valor os espazos naturais antes de final de ano e deberá ter finalizado o documento definitivo, co seguimento das obras xa rematadas, en marzo de 2026.

Fariña apunta que esta primeira fase é de vital importancia para o resultado final do proxecto de rehabilitación, xa que a asistencia técnica marcará as pautas integrais e unitarias que sentarán as bases “conceptuais e técnicas” para o resto das actuacións e obras a realizar: deberá garantir a coherencia, coordinación e a continuidade en todos os aspectos da experiencia turística, da musealización e dos contidos culturais.

Este traballo inicial, explica o Tenente de Alcalde, será principalmente “intelectual e creativo”, polo que inclúe unha equipa técnica interdisciplinar con coñecementos altamente especializados en museografía, turismo, patrimonio cultural, dereito administrativo e contratación. O grupo creativo está formado por unha persoa coordinadora con estudos universitarios de Historia, Historia da Arte, Antropoloxías ou Humanidades, unha analista, unha técnica especialista en produtos turísticos e outra especialista en xestión e asesoramento xurídico. 

En canto aos prazos, o proxecto turístico terá que estar definido, na súa versión inicial, pouco antes de finais de ano. O proxecto definitivo xa cos cambios finais deberá estar presentado de cara a marzo de 2026. A día de hoxe a asistencia técnica xa ten definidos algúns contratos menores que o Concello irá sacando a contratación proximamente para poñer en marcha a musealización.

Lembra Fariña que a redacción deste traballo de planificación de todas as obras posteriores está condicionado por unha subvención pública, polo que o Concello de Caldas vai ser especialmente estrito co cumprimento dos prazos. Apunta que calquera atraso na redacción podería comprometer a axuda e supoñer a perda total ou parcial do financiamento, de aí que o goberno local imporá penalizacións que duplican as habituais. 

“O proxecto turístico que imos contratar agora ten unha relevancia estratéxica para o desenvolvemento e o éxito da rehabilitación da Carballeira, por iso é importante tanto ser moi esixentes coa súa calidade como rigorosos co calendario”, advirte.  

Fariña explica que o proxecto de rehabilitación integral da Carballeira pretende centrar a experiencia turística das persoas visitantes no goce do conxunto exterior, incluíndo tamén un centro de visitantes que completará o percorrido achegando maior valor engadido. A intención é promover unha boa comunicación dos valores intanxibles do BIC (históricos, naturais, e sociais, entre outros), innovar nos formatos de presentación, e prestar servicios adicionais como atención personalizada ou xestión de grupos. 

O proxecto ‘Xardín Botánico e Carballeira de Caldas de Reis. Museo Aberto 24/7’ conta cunha  subvención de 1,4 millóns de euros dos fondos Next Generation da UE que chegan a través do Ministerio de Industria. A axuda debe pagar oito epígrafes: o deseño dun proxecto turístico cunha boa musealización, a restauración integral do BIC, a monitorización do BIC para controlar a súa saúde natural de maneira intelixente, a apertura dun centro de visitantes, o deseño dun plan de enriquecemento da visita dende o ámbito exterior, a instalación de paneis fotovoltaicos para facer máis sustentable o espazo, a implantación dun sistema de xestión e, finalmente, tamén á posta en marcha de iniciativas de comunicación e acción social. 

No caso do proxecto turístico que inclúe o deseño da experiencia e a musealización, como primeiro paso base de todos os seguintes, a adxudicación da asistencia técnica pechouse nos 44.000 euros máis IVE.

O Concello está pendente nestes días de iniciar as obras de restauración da Carballeira, tramitando o contrato da dirección de obra e saúde.

Caldas adxudica o proxecto turístico para deseñar a experiencia de visita e musealización da Carballeira e o Xardín Botánico