Soutomaior aforra máis de 30.000 euros ao ano no consumo do alumeado público
Soutomaior, 11 de xuño de 2024. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Urbanismo, Pablo Garrido, anunciaron que o concello aforra máis de 30.000 euros ao ano no consumo do alumeado público grazas á decisión do Goberno local de pasar do modelo do ‘tanto alzado’, unha estimación que se viña empregando ata o de agora para calcular de maneira aproximada o consumo de electricidade, a un modelo de contadores situados en diferentes puntos do concello e que rexistran de maneira máis exacta o consumo real de electricidade, evitando sobrecustos ás arcas municipais.
O concelleiro Pablo Garrido explicou que “co anterior modelo, que levaba anos empregándose, Soutomaior pagaba unha factura desorbitada e moi afastada da realidade polo consumo eléctrico do alumeado público. Agora que o Goberno local decidimos instalar estes contadores, a factura reducirase en máis de 15.000 euros anuais, grazas a que este prezo se axustará ao consumo real de electricidade, e non á estimación realizada co modelo do ‘tanto alzado’”.
Ademais, o noso concello aforrarase entre 15.000 e 20.000 euros máis na factura eléctrica despois de que o Goberno de Soutomaior levase a cabo a renegociación do contrato coa actual subministradora eléctrica, obtendo un moito mellor prezo do que se viña pagando anos atrás por un mellor servizo. Así, Soutomaior pasará de pagar 120.000 euros anuais en electricidade a uns 80.000 euros, un aforro de máis do 30%. o O Goberno local tamén traballa en preparar a licitación do subministro eléctrico do noso concello, co que se espera que o aforro no consumo eléctrico de Soutomaior sexa aínda maior.
Neste sentido, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “quero agradecer aos concelleiros do Goberno e ás funcionarias municipais que co seu traballo permitiron que hoxe o noso concello pague un terzo menos en alumeado público do que viña pagando ata o de agora. Todos os fondos que estamos aforrando vannos permitir levar a cabo numerosas actuacións que melloren a vida da veciñanza de Soutomaior, e nesta liña de xestión e compromiso co noso concello e a nosa xente é na que imos seguir traballando”, concluíu Manu Lourenzo.