Soutomaior presenta presenta un proxecto para recuperar os parques infantis
11 de xuño de 2024. Nada máis tomar posesión, o goberno nacionalista de Soutomaior fixo unha auditoría das zonas de xogo dos parques infantil do concello. O concelleiro de Urbanismo, Pablo Garrido, encargado de supervisar dita auditoría sinalou que “o estado no que se atopaban a práctica totalidade dos parques municipais era lamentable, tanto na súa conservación como no seu mantemento. Isto supón un serio risco para os rapaces e rapazas que acoden a estes parques e desloce a imaxe que Soutomaior traslada ás familias que veñen ao concello cos seus fillos e fillas”.
O proxecto presentado polo concello de Soutomaior no Plan +Provincia, da Deputación de Pontevedra, supón un investimento de máis de 45 mil euros para a recuperación de parques infantís. A 1ª actuación deste proxecto estará centrada nos parques infantís municipais do Peirao, no da Feira, no da Devesa, na Veiguiña Longa, en Aranza, en Moreira e na Lamela.
Manu Lourenzo dixo que “no momento en que chegamos ao Goberno os parques infantís estaban nun estado inadmisible, no concello temos 18 parques polo que urxe ir actuando naquelas zonas que teñen maiores usuarios, trátase de preservar a seguridade das nenas e nenos e de mellorar as instalacións para que poidan xogar e desfrutar. O proxecto que presentamos ao Plan + Provincia vai a corrixir todas estas deficiencias”.
O goberno municipal fomentará, a través destes proxectos a inclusividade nestes espazos recreativos adaptándoos para que calquera neno ou nena, poida desfrutar de maneira autónoma deles.