Avanza o proxecto de saneamento no barrio de Veigas do Monte (Arcade)
Soutomaior, 8 de xuño de 2024. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, Pablo Garrido, achegáronse a Veigas do Monte, en Arcade, para supervisar os traballos desenvoltos nas últimas semanas ao abeiro do proxecto para dotar de saneamento a este barrio. Estiveron acompañados dos enxeñeiros técnicos encargados da obra, os cales lles explicaron como avanzan as obras e cales son os traballos concretos que se están levando a cabo.
Así, os enxeñeiros mostraron ao alcalde e ao concelleiro o bombeo instalado en Veigas do Monte. Un novidoso e eficiente sistema que permitirá un mellor tratamento das augas residuais do barrio, xa que conta cun mecanismo que separa aqueles restos que non poden ser tratados. Ademais, tamén se conectou un novo grupo de domicilios do barrio á rede de saneamento, polo que cada vez máis son as casas adheridas a esta rede. O obxectivo do goberno local é seguir ampliando nos vindeiros anos a rede de saneamento de Veigas do Monte para que a práctica totalidade da veciñanza conte con esta rede.
O concelleiro Pablo Garrido sinalou que “seguiremos avanzando na ampliación e mellora do saneamento do Concello. Somos conscientes de que aínda queda moito traballo por diante para dotar Soutomaior cunha verdadeira rede separativa de saneamento, pero pouco a pouco iranse dando pasos no tratamento e depuración das augas residuais do noso concello”.
Pola súa parte, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, celebrou que se estea a levar a cabo esta actuación en Veigas do Monte. “Contamos xa con numerosos proxectos redactados e presentados a diferentes subvencións. Con estes proxectos e investimentos que estamos a levar a cabo no noso concello, estamos a transformar Soutomaior e, sobre todo, mellorar a calidade de vida da veciñanza do noso concello, dándolles maiores comodidades e prestándolles mellores servizos. No Soutomaior que estamos construíndo, non imos deixar a ninguén atrás”, concluíu o alcalde Manu Lourenzo.