Lores califica de "Sombras e luces" o proxecto de orzamentos da Xunta para Pontevedra
Pontevedra, 21 de outubro de 2024. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, cualificou de “sombras e luces” o proxecto de orzamentos para 2025 presentado pola Xunta, e fixo fincapé na necesidade de partir da premisa de que os orzamentos son un conxunto de documentos que aparecen cada ano e cuxas “partidas poden volver saír logo de xeito indefinido, e ir aparecendo en anos sucesivos, como é o dragado do ría, que leva moito tempo nesta situación, pero xa veremos se se executa ou non”.
Lores amosou a súa preocupación polo que definiu como “sombras” dentro do proxecto de orzamentos presentados pola Xunta, como é que a maior parte das partidas sexan de servizos públicos (Sanidade, Servizos Sociais e Educación) e que non haxa “grandes avances nestas áreas”. “Preocúpame como alcalde, como médico e como cidadán a situación da sanidade en xeral, sobre todo da atención primaria, da saúde mental e das enormes listas de espera na atención especializada. Non podo valorar positivamente esta parte, pois seguimos sen novidades neste aspecto, desmantelándose a sanidade pública”.
Respecto a Benestar social, o alcalde quixo lembrar que os concellos seguen asumindo certas funcións que non lles deberían corresponder, como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), condicionando os seus financiamentos.
“Tamén me prestaría que constase un detalle sobre os Premios Feroz”, sinalou. “Desde que logramos traer este evento a Pontevedra demandamos ao presidente que a Xunta de involucrase participando nunha das citas culturais máis importantes para os anos 2025 e 2026. Agardo, de xeito sincero, que modifiquen a súa posición e que a Xunta non quede atrás ao respecto destes Premios Feroz, e siga o camiño de mudar a súa opinión como fixo coa variante de Alba, a ampliación do Campiño ou a mellora da estrada vella de Marín».
Doutra banda, o rexedor pontevedrés quixo subliñar que entre os asuntos que poderá considerar «luces» dentro dos orzamentos, na súa parte de investimentos, a recollida de asuntos impulsados historicamente polo Concello de Pontevedra, e que foron trasladados ao presidente da Xunta de Galiza no seu último encontro, como a variante de Alba -desaparecida dos orzamentos desde o ano 2006-, unha partida para a ampliación do Campiño -que foi no seu día negada pola Xunta-, o saneamento de Mollavao ou construción de vivenda social no barrio de Valdecorvos. Alén destes asuntos, Fernández Lores tamén agarda ver o remate do Hospital de Montecelo.