Pontevedra pon en marcha as aulas de reforzo educativo para menores que impulsa a Concellería de Benestar Social e xestiona o Secretariado Xitano
Pontevedra, 21 de outubro de 2024. Axudar á normalización educativa do alumnado xitano para conseguir taxas máis elevadas de éxito académico, reducir ás taxas de fracaso e abandono escolar e incentivar a continuidade dos seus estudos medios e/ou superiores ou en formación profesional. Con este horizonte púxose en marcha, co inicio do curso académico, o programa de reforzo socio-educativo para menores que impulsa a Concellería de Benestar Social e xestiona a Fundación Secretariado Xitano (FSX).
“Estamos moi orgullosas de sacar adiante un programa que pretende achegarse, un piquiño máis á equidade, axudando, complementando a formación dos que máis o precisan, neste caso o alumnado xitano”, sinala a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, quen quere pór o foco no “magnifico traballo que fai o Secretariado Xitano”, fronte ao que “non podemos máis que acompañalo”.
O reforzo socio-educativo é un proxecto que acubilla tres iniciativas complementarias: o programa Promociona, o programa de seguimento escolar e os obradoiros de lecer interculturais. Son actividades guiadas polo convencemento do poder transformador da educación e o seu rol de acceso ao camiño da igualdade de oportunidades.
As aulas de reforzo escolar van dirixidas ao estudantado de etnia xitana do último ciclo de Primaria (5o e 6a) e de Secundaria obrigatoria (1o a 4o dá ESO) e funcionan de luns a xoves, nas dependencias da Casa Azul e do centro cultural de Monte Porreiro.
Os rapaces e as rapazas reciben por parte dos técnicos e profesoras da FSX acompañamento na realización de tarefas e un seguimento individualizado dos seus estudos co fin de que poidan rematar, con éxito, a ESO e darlle continuidade á súa formación académica ou profesional. O reforzo socio-educativo trabállase tamén coas familias e os centros educativos nos que están matriculados os menores.
Pontevedra foi a primeira localidade da Galiza na que se apostou por este tipo de intervención, aló polo curso 2008-2009. Desde aquel intre, segundo o balance do Secretariado Xitano, atendéronse unha media de 45 alumnas e alumnos por curso. A coordinación cos centros educativos foi e é fundamental para loitar contra o absentismo, o fracaso e o abandono escola e para promover o interese pola continuidade dos estudos.
Este ano, por vez primeira, poderá participar plenamente nas aulas de reforzo e actividades de lecer unha menor con discapacidade auditiva, grazas ao programa Comunico da Concellería de Benestar Social que puxo ao dispor do programa unha intérprete de lingua de signos.
Centros como o CEIP A Xunqueira 1, CEIP San Bento de Lérez, CEP Marcos da Portela, CIFP A Xunqueira, CIFP Montecelo, IES A Xunqueira 1, IES Frei Martín Sarmiento, IES Torrente Ballester e IES Luís Seoane levan anos implicándose, de maneira activa, nesta aposta por reducir a fenda educativa.