Os primeiros datos da enquisa Pinto e Maragota sobre diversidade sinalan que menos do 50 % dos enquisados considera os centros educativos "espazos seguros" para a comunidade LGTBIQA+

Os primeiros datos da enquisa Pinto e Maragota sobre diversidade sinalan que menos do 50 % dos enquisados considera os centros educativos "espazos seguros" para a comunidade LGTBIQA+

Pontevedra, 21 de outubro de 2024. É a diversidade sexual e de xénero nas aulas unha materia pendente? É a pregunta e o punto da arranque da xornada Pinto e Maragota de estudo e reflexión que se desenvolveu no Teatro Principal e reuníu a máis de 120 docentes e formadores de toda Galiza. 

Neste marco foron presentados os primeiros datos da enquisa sobre diversidade sexual e de xénero que vén de ser realizada entre o alumnado e profesorado de Secundaria -ESO, Bacharelato e Formación profesional- de Pontevedra, co fin de obter unha panorámica actualizada sobre a diversidade nos centros educativos da cidade. A esta enquisa, anónima e voluntaria, responderon un total de 961 estudantes e profesores/as dos centros públicos do concello, revelando unha radiografía actualizada respecto á primeira sondaxe feita no ano 2019. 

A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, subliñou durante a inauguración que “os datos recollidos na enquisa non dan para unha análise demoscópica exhaustiva, mais si para unha reflexión. Tamén para que as que temos responsabilidades políticas teñamos datos que poidan, dalgún xeito, orientar cara a onde imos. E o que nos din eses datos é que hai que seguir afondando no tema e formular novas estratexias: percíbese que as formas máis tradicionais (charlas, obradoiros...) son efectivas pero non logran o desexado que é cada vez máis persoas poidan sentirse seguras”. 

A primeira avaliación da enquisa amosa datos “esperanzadores” e datos ¨preocupantes” recoñecía a concelleira. Entre os primeiros está “a maior participación” na sondaxe respecto á anterior, xa que case un 8 % máis de persoas contestaron e, malia que a participación do profesorado segue a ser minoritaria, duplicouse respecto da enquisa anterior: pasou do 3,92 % (35 docentes, en termos absolutos) ao 6,97 % (67 en total). 

Entre os datos “preocupantes” a concelleira, primeiro, e despois a directora do programa, Eva Mejuto, sinalaron a percepción de que os institutos non son espazos seguros para o alumnado e profesorado LGTBIQA+. Só o 48,33% cualifica os centros educativos como espazos seguros. Non o son para o 15,79% e responden cun “non sei” o 35,88% dos enquisados. Un dato, este último, “que fala de descoñecemento da diversidade e sobre todo de falta de empatía, non lles preocupa”. 

Tamén preocupa, de xeito especial, o temas das agresións/acoso, xa que máis do 20% das persoas -unha de cada cinco- presenciou agresións (verbais ou físicas) a compañeiros LGTBIQA+ e o 23,15 % do estudantado do colectivo declara telas sufridos. E fronte a esta realidade, tan só o 36 % dos estudantes e o 50% dos docentes vítimas de agresión, informaron dos feitos. 

Nas próximas semanas analizarase polo miúdo os datos da enquisa que se farán públicos. 

Anabel Gulías quixo pór en valor o alumnado e profesorado pontevedrés xa que cada vez participan máis nas actividades de visibilización do programa municipal pola diversidade sexual e de xénero Pinto e Maragota e animou a que “contra os movementos que pretenden frear e son alentados desde algunha institucións gobernadas por forzas políticas con valores reaccionarios pois, sigamos visibilizando e traballando a prol de que diversidade sexa en Pontevedra un elemento natural e básico da nosa convivencia”. 

A xornada de traballo é un encontro pioneiro no relativo a formación do profesorado en materia de diversidade. Nela inscribíronse docentes de Secundaria e Primaria galegos e, por vez primeira vez da man da Universidade de Vigo, futuros ensinantes. 

As expertas e expertos analizaron ao longo emáticas como a saúde mental do alumnado, o bullying diverso-fóbico, a realidade non binaria, as redes sociais e a diversidade no deporte. Tamén foi presentada unha palestra de experiencias nas aulas galegas na que se deu a coñecer os traballos: Diverxentes, do CEIP Plurilingüe San Roque de Darbo (Cangas) e Libres e diversxs do CIP de Zas. 

A VI Xornada de formación Pinto e Maragota rematou coa análise e humor do escritor e activista LGTBI, Roberto Enríquez- Bob Pop, creador e guionista da serie ‘Maricón perdido´. 

 

Os primeiros datos da enquisa Pinto e Maragota sobre diversidade sinalan que menos do 50 % dos enquisados considera os centros educativos "espazos seguros" para a comunidade LGTBIQA+