Pontevedra pon en marcha unha ofensiva política para esixirlle a Costas o remate do paseo a Marín
Pontevedra, 8 de abril de 2024. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou que o Concello realizará unha ofensiva política para que a construción do paseo da ría cara Marín sexa unha realidade no futuro.
Cómpre lembrar que a semana pasada, a dirección xeral de Costas indicou nunha xuntanza co Concello de Pontevedra que non existía na actualidade intención de levar ao cabo o proxecto de construción que no seu día estivo proxectado e licitado por parte do Goberno do Estado.
“Non se lle escapa a ninguén que o paseo a Marín é unha iniciativa nacida no Concello de Pontevedra e é, realmente, un tema moi sentido pola veciñanza da cidade e, por suposto, pola de Marín”, sinalou o rexedor. “Levamos moitos anos con este tema e todos vemos como miles de persoas gozan deste paseo semana a semana”.
O alcalde revelou que o Concello fará “unha ofensiva política para que o Ministerio de Transición Ecolóxica e Costas cumpran cos compromisos asinados con Pontevedra”. “Estamos a falar de cousas que hai case 20 anos que comezamos a negociar este asunto con Magdalena Álvarez, logo asinamos con Pedro Blanco no ano 2009, e aquí se recollían cousas como a mellora da estrada de Ourense, a circunvalación de Pontevedra, o nó de bombeiros, o nó do Pino e, tamén este paseo a Marín. Isto vén de vello”.
Fernández Lores explicou que remitíu unha carta á vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, porque “ten o compromiso de atopar unha solución á hora de cumprir os compromisos con Pontevedra”. “De ningunha maneira imos pasar por alto que non se cumpran estes compromisos. Nós temos dentro do noso xeito de actuar a lealdade institucional con todas as administracións e ofrecer a máxima colaboración, pero de ningunha maneira imos aceptar que non se cumpra co paseo a Marín xa que vai en contra dos intereses dos pontevedreses e pontevedresas”.
“En Madrid ven as cousas de maneira diferente a como as vemos aquí e non están a medir as consecuencias. Non ten nada que ver este paseo con outros problemas que ten a chamada autovía de Marín e nada ten que ver o paseo coas inundacións que se dan neste espazo”, lembrou o rexedor. “Estou algo canso dos atrancos que se dan nos compromisos que temos co Estado e cos distintos proxectos. As solucións que poida ter ou dar o Estado ao paseo non nos importan. Prestábanos o proxecto que estaba adxudicado, pero que busquen as solucións que teñan que buscar, pois non imos pasar polo incumprimento dos compromisos”.