Caldas acollerá un mínimo de media ducia de probas deportivas familiares ao ano
Caldas de Reis, 11 de abril de 2024. O Tenente de Alcalde Manuel Fariña anunciou que Caldas de Reis acollerá unha programación anual de probas deportivas familiares con cando menos media ducia de citas destacadas co obxectivo de atraer público, visitantes e dinamizar así a economía da vila. O nacionalista anunciouno así despois do “rotundo éxito” da última carreira de orientación de bosque que se realizou esta fin de semana con 461 persoas inscritas.
O concelleiro destaca que dende a área de Deportes estase a traballar en ampliar o número de iniciativas tendo en conta as posibilidades e potencial de competicións de novas modalidades deportivas en auxe. Fariña subliña que unha das decisións xa firmes será a celebración dunha nova edición das probas de orientación como as que se estrearon este ano no casco urbano de Caldas e nos montes de Santa María, Santo André e Arcos da Condesa. Como mínimo haberá dúas anualmente, unha urbana e outra de bosque, aínda que non se descarta a posibilidade de ampliar as convocatorias noutras épocas do ano ante a gran resposta de público.
Manuel Fariña: "As probas deportivas familiares melloran a saúde, atraen público e dinamizan a economía"
A pasada fin de semana, apuntou Fariña, os montes de Santa María, Santo André e Arcos da Condesa recibiron centos de persoas que participaron nas diferentes categorías da carreira. A organización, a pesares de recibir moita máis afluencia de participantes do previsto, tivo todo baixo control e “a xente marchou moi contenta pola experiencia”.
A proba durou máis de dúas horas, se ben as e os gañadores da categoría ‘xestiñas’ tardaron 1 hora e 54 minutos en facer o percorrido, 1h50min na categoría ‘xestas’ e 1h33 min na categoría ‘xesteiras’. Ademais das moreas de participantes nos montes, na vila tamén se notou a chegada de visitantes doutras localidades durante todo o día, buscando lugares para comer, para tomar un refrixerio, ou simplemente paseando e coñecendo o concello.
Para Fariña, isto mostrou o potencial do deporte familiar como un motor económico para Caldas, xa que o investimento realizado polo concello coa organización dos eventos viuse multiplicado no retorno e beneficio polo gasto das persoas participantes.
Ademais das carreiras de orientación, dende o departamento de Deportes téñense planificadas para este ano e para os seguintes outros eventos tales como andainas por diferentes espazos naturais e urbanos de Caldas, o ‘trail Laxe dos Bolos’ no que poden participar tamén diferentes categorías, así como carreiras populares e outras iniciativas que se irán dando a coñecer e que implican no turismo deportivo e a saúde tanto a crianzas como a persoas adultas.