Licitación dos proxectos para a reforma integral do antigo conservatorio e de Churruchaos
Pontevedra, 12 de abril de 2024. O Concello de Pontevedra ven de aprobar o inicio licitación tanto da obra de renovación de Churrachos, como do antigo conservatorio, dúas obras incluídas dentro do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos (PIREP), que, como indicou a tenente de alcalde, Eva Vilaverde “estaban na liña de saída, agardando ter o orzamento aprobado, e agora podemos tramitalos”, explicou.
Centro Ingternacional da creatividade no antigo conservatorio
No referido á rehabilitación do antigo conservatorio, trátase dun proxecto que contará cun orzamento de 1.585.176,61 euros e cun prazo de execución de seis meses, afectando a unha superficie construída de máis de 1.700 metros cadrados. “É unha obra que se engloba baixo ese laboratorio da creatividade que queremos que Pontevedra teña, baixo o nome de Centro Internacional da Creatividade”, indicou a tenente de alcalde. “Queremos conxugar o máximo posíbel a mellora estética e a eficiencia enerxética do edificio, ao tempo que se mantén a estrutura orixinal do mesmo”.
O soto do edificio pasará a ser unha sala de audiovisuais e albergará a sede do Seminario Permanente de Jazz (SPJ), mentres que a planta baixa pasará a ser un espazo de “testeo" e proba para iniciativas culturais de diversa índole.
Doutra banda, as dúas primeiras plantas habilitaranse para unha aceleradora de economía social na que emprendedores creativos poidan dar os seus primeiros pasos impulsando os seus propios proxectos. Os andares terceiro, cuarto e quinto serán espazos para desenvolver obradoiros que, nun principio, poderán estar relacionados coa carpintería, a cerámica, o deseño industrial ou os materiais téxtiles, se ben o futuro que está por chegar poderá mudar estas opcións ou adaptalas a outras necesidades.
O edificio tamén albergará unha residencia para creadores no sexto andar, onde artistas convidados poidan impulsar proxectos temporais que ofrezan algún tipo de contraprestación á cidade de Pontevedra. Por último, o baixo cuberta tamén contará con este uso, a maiores dunha terraza ao aire libre pensada para acoller todo tipo de presentacións e actos culturais.
Reforma integral do edificio de Churruchaos
No referido á reforma de Churruchaos, o Concello ten previsto investir 1,37 millóns de euros. O obxectivo da rehabilitación proxectada é de mudar o interior do edificio de xeito integral, mantendo o seu uso para dependencias administrativas, tal e como vén funcionando na actualidade, ao acoller os servizos de Cultura, Normalización Lingüística ou Medio Ambiente.