Pontevedra incorpora os primeiros 21 novos vehículos de limpeza e recollida dos espazos públicos da cidade
Pontevedra, 13 de outubro de 2025. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores presentou os primeiros vehículos de limpeza e recollida do espazo público que pon en marcha o novo contrato de xestión de residuos do concello, que xestiona a empresa Prezero. Acompañado do concelleiro responsable do servizo, Xaquín Moreda, comprobaron o funcionamento da primeira maquinaria que incorpora o servizo: 10 carros portacaldeiros eléctricos, 1 varredora con tres cepillos de limpeza e auga a presión, e 5 dos 11 vehículos auxiliares dos que disporá o servizo no día a día da limpeza da cidade.
O alcalde destacou que os carriños supoñen "unha mellora substancial para os traballadores e traballadoras que están na rúa" e ofrecen melloras como ter unha pequena hidrolimpadora para tratar zonas pequenas. A varredora (a primeira de cinco novas máquinas) é diésel "para que sexa máis potente" e os vehículos auxiliares son eléctricos "van a estar traballando no periurbano e nas limpezas rurais e levan unha caixa para poder incorporar algún tipo de residuo sólido", indicaba Fernández Lores.
Forma parte da nova flota de vehículos da empresa concesionaria do servizo de xestión de residuos que nos vindeiros meses irá incorporando novo material e máis servizos.
Tamén adiantou que están pendente de incorporar outra maquinaria novidosa como os triciclos eléctricos que "van facer funcións no urbano e no periurbano e nos barrios" e está pendente vehículos pesados como os novos 15 camións de recollida dos colectores encargados das distintas fraccións, entre outras moitas incorporacións como os colectores amarelos que se comezarán a instalar na cidade nos vindeiros días ou a localización dos novos centros de compostaxe comunitaria.
A nova maquinaria porase en funcionamento con carácter inmediato. Todos eles están rotulados coa nova campaña institucional do Concello "Responsábeis" dado que o contrato de xestión de residuos está incluído dentro dela.