SÁBADO 18 DE OUTUBRO
CeibaRimas encherá a Alameda de Pontevedra de rap improvisado e amosará a forza da lingua galega neste xénero musical
Pontevedra, 13 de outubro de 2025. O vindeiro sábado, 18 de outubro, a Alameda de Pontevedra acollerá o quinto aniversario do CeibaRimas, o único proxecto de rap improvisado en galego. A competición, aberta a todo o público con inscrición gratuíta, repartirá máis de 1.000 euros en premios.
O programa complétase con música en directo para facer da cita unha auténtica velada cultural. Actuarán Hugo Guezeta e Nadie González, e ademais haberá un espazo de artistas emerxentes con concertos breves de Pappaquino, Queen Rendi, Misoskatos, Os Fortes e Area Rosae, que achegarán frescura e novas propostas á escena do rap en galego.
O evento contará con servizo de barra, carpa en caso de choiva e todo o necesario para gozar dunha tarde de cultura urbana na nosa lingua. Como novidade, esta edición poderá verse días despois na plataforma Agalega.gal da TVG, reforzando así o obxectivo de CeibaRimas: demostrar que “o rap improvisado en galego existe” e está a medrar con forza.
O principal obxectivo de CeibaRimas é a difusión e promoción do uso da lingua galega entre a mocidade. CeibaRimas tamén busca afastarse das habituais dinámicas machistas que adoitan acompañar as batallas de galos, para crear un formato máis feminista e inclusivo no que se valore a improvisación e a creatividade por riba da confrontación.
A Gran Final, que se prolongará por unhas 5 ou 6 horas en total, é o colofón dunha serie de eventos clasificatorios repartidos por toda Galiza. Na competición, os participantes enfróntanse en batallas onde deben desenvolver diferentes xogos de improvisación sobre bases musicais de hip-hop, como rimar utilizando certas palabras dadas, rimar sobre unha temática, ou defender posturas opostas.
As fases serán valoradas por un xurado composto por 5 persoas expertas na escena hip-hop e na lingua. Nesta edición, o xurado estará formado por High Paw, Hugo Guezeta, Nadie González, Frank Huxley e Alba María. Os criterios de puntuación comúns valorarán as rimas, a técnica, a posta en escena e o uso da lingua, entre outros aspectos.
Este proxecto tamén se enfoca na creación de referentes e de precedentes de competición de rap improvisado en galego, e en dotar á mocidade de recursos para o adestramento desta disciplina artística en galego.