O Concello de Barro inicia a fase de adxudicación do novo contrato de abastecemento de auga
Barro, 10 de outubro de 2025. O Concello de Barro ten en marcha a fase de adxudicación do novo contrato para a explotación integral do servizo de abastecemento de auga potable en todo o termo municipal, que incluirá tamén o abastecemento ao núcleo de Santo Antoniño e o servizo de saneamento e depuración do polígono de Outeda–Curro.
O contrato, cun valor estimado de 1.301.156,80 euros, co IVE incluído, e terá unha duración máxima de cinco anos -catro de contrato máis un ano de prórroga-, segundo o previsto nos pregos de licitación.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, subliñou que este proceso “supón un paso moi importante para garantir un servizo de auga moderno, eficiente e cun mellor mantemento das redes municipais”. O rexedor destacou tamén que “por primeira vez se inclúe o abastecemento do núcleo de Santo Antoniño, o que permitirá mellorar a calidade do servizo e responder ás necesidades da veciñanza do núcleo urbano”.
Fernández Abraldes lembrou que este contrato “é froito dun intenso traballo técnico e administrativo, co obxectivo de avanzar cara a unha xestión integral da auga que dea resposta á realidade actual do concello e ás esixencias normativas europeas”.
O Concello de Barro reafirma así o seu compromiso cunha xestión responsable e sostible da auga, asegurando que o novo contrato permita ofrecer un mellor servizo para a veciñanza e un mantemento máis eficaz das redes municipais