É O ÚNICO DO ESTADO CUN DRON CAUTIVO DE ÚLTIMA XERACIÓN
Pontevedra dota ao parque de bombeiros dun moderno vehículo contra os incendios forestais
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde; e o xefe do corpo de Bombeiros, Vicente Ferrería; presentou o novo equipamento na praza do Concello, onde foron amosadas as características principais deste vehículo que, ademais, é pioneiro na súa clase dentro do Estado.
Un dos elementos máis singulares deste novo camión é que conta cun dron cautivo coa posibilidade de voar até unha altura de 45 metros desde o seu punto de ancoraxe -está sempre unido por cable coa base de despegue- e de ofrecer unha visión xeográfica e térmica desde o ceo.
“Se ben falamos da súa importancia dentro do eido forestal, podería ser utilizado en distintas situacións, tales como asulagamentos ou mesmo de hipotéticos afogamentos no río grazas a esa visión térmica”, explicou o alcalde. “Ten moitas e múltiples funcións. É o primeiro dron que se adapta a un vehículo destas características no territorio español”.
O rexedor lembrou que se está a facer “un esforzo co fin de dotar ao corpo de bombeiros de mellor e máis moderno material na loita contra os incendios e outras incidencias”. “Trátase dun paso máis na procura de ofrecerlles unha mellor seguridade e protección aos veciños e veciñas de Pontevedra, independentemente de onde vivan, sexa no rural ou na contorna urbana”.
Trátase dun vehículo específico para incendios forestais, conta cunha capacidade de 3.500 litros de auga, dos que cincocentos están reservados para un sistema de autoprotección, ao posuír o camión uns sensores de temperatura que activan uns aspersores co fin de protexerse a unidade. Inclúe no seu interior equipos autónomos de respiración e, como novidade, aparece o dron cautivo que na loita contra un incendio ofrecería unha visión absoluta do lugar, o que facilitaría a acción e o traballo dos bombeiros ao detectar puntos quentes e outros perigos ou persoas en risco.