Comezan as obras de reforma integral da Santiña
Pontevedra, 25 de abril de 2024. O vindeiro luns, 29 de abril, comezarán as obras para a reforma integral da rúa Santiña, un proxecto de enorme relevancia para esta zona da cidade, que traerá consigo unha mellora substancial da rúa a todos os niveis: servizos, seguridade, accesibilidade, mobilidade, iluminación, creación de zonas de estancia... en definitiva, o cumprimento e a actualización de todos os estándares de calidade urbana que o Concello ten como base para todas as rúas da cidade.
A empresa Civis Global é a encargada de levar a cabo esta intervención, que ten un custe que superará os 1,8 millóns de euros e contará cun prazo de execución de doce meses.
“Con esta obra, ademais de lograr unha mellora na calidade de vida de todos os veciños e veciñas da zona, Pontevedra será a única cidade que pode ser cruzada con prioridade peonil ao longo de todo o trazado do Camiño de Santiago”, explicou Fernández Lores. “Fixemos o centro histórico no seu día, o Gorgullón, a Ponte do Burgo, así como outras zonas da cidade, e agora remataremos ese treito urbano do Camiño Portugués cara Santiago de Compostela, completando este trazado cuns estándares de calidade que o modelo de Pontevedra ten e que se definen pola accesibilidade universal, unha boa iluminación, plataformas únicas, mobiliario urbano de altísima calidade, zonas de estancia e socialización, etcétera”.
O rexedor lembrou que esta é unha obra totalmente necesaria á hora de mellorar a calidade de vida de todas as persoas que residen no barrio do Burgo. “Non podemos entender a falta de sensibilidade e responsabilidade que a oposición amosou e pola que se atrasou esta obra moitísimo tempo. Esta obra está financiada en parte por fondos Next Generation en relación coas Zona de Baixas Emisións”, sinalou.