O goberno municipal inviste 60.000 euros no campo de fútbol municipal de Soutomaior
25 de abril de 2024. O Goberno de Soutomaior investirá 60.000 euros no campo de fútbol municipal ‘Graciano Padín’, na parroquia de Soutomaior. O concelleiro de Urbanismo, Pablo Garrido, explicou que estes 60.000 euros irán destinados á reforma da entrada principal ao campo, mellorando o acceso, así como outra serie de melloras nas instalacións do campo. O concelleiro Pablo Garrido tamén sinalou que “estas actuacións foron consensuadas polo Goberno de Soutomaior e a directiva do C.D. Soutomaior, co obxectivo de cubrir as principais necesidades do recinto deportivo que a directiva nos trasladou e que nos atendemos”.
O Goberno de Soutomaior deseñou un proxecto para estas actuacións no campo de fútbol e presentouno ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra. O proxecto obtivo unha subvención de 60.000 euros, que agora serán investidos na campo para a súa mellora e que tanto os xogadores e xogadoras como o resto de membros do C.D. Soutomaior conten coas mellores instalacións deportivas posibles.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “se trata dun gran investimento na parroquia de Soutomaior. Son 60.000 euros que se dedicarán a mellorar o campo do Soutomaior, a través dun proxecto serio e eficiente. Con estas actuacións damos resposta ás necesidades que nos traslada a directiva do C.D. Soutomaior, co que levamos meses mantendo unha comunicación fluída. Nos vindeiros meses poderemos ver como as instalacións do campo de fútbol municipal dan un salto cara a adiante grazas ao proxecto de mellora impulsado polo Goberno de Soutomaior”.