Mosquera aplaude “as carreiras” de PP e PSOE para esixir ao Estado o paseo peonil a Marín
Pontevedra, 26 de abril de 2024. O portavoz do BNG na Deputación César Mosquera amosou hoxe a súa satisfacción no Pleno provincial ante “as carreiras” do PP e do PSOE por presentar mocións para esixir ao Estado o paseo peonil a Marín. O nacionalista destacou que, afortunadamente, tras as negociacións do Concello o goberno estatal, desatrancouse a iniciativa e, aínda que preveu complicacións, “o proxecto parece que sairá adiante”. “Os que levamos 20 anos intentando sacalo adiante teremos unha alegría”, dixo.
Mosquera engadiu que para completar a conexión con Marín será necesario retomar as negociacións con Fomento. Subliñou que o seguinte treito ao que agora se reclama é aínda máis complexo polo estrangulamento na zona de chegada ao Porto, mais destacou que hai estudadas varias posibilidades. “O tema estaba avanzado. (...) Había anteproxectos e haberá que retomalos”, subliñou, agardando tamén a unanimidade na demanda por parte dos demais grupos.
O nacionalista puntualizou -ante as intervencións de PP e PSOE que quixeron adxudicarse ser os que máis traballaron para levar adiante o paseo, que ao principio o Concello atopou reticencias por todas partes. Matizou que o proxecto iniciouse con Magdalena Álvarez, pasou por Pepe Blanco e logo por Ana Pastor e paralizouse no 2022 cando o Ministerio decidiu non facelo e retirou os fondos previstos do orzamento de 2023. Abondou que no pacto de goberno do BNG-PSOE para o último goberno do Estado se incluíu este punto porque xa se sabía que non había intención de sacalo adiante. Neste sentido pediu á portavoz socialista que non falase do tema de “segundas, terceiras e cuartas mans” porque “se meteu “nun patacal”.
Por outra parte, Mosquera instou ao goberno de Luís López a corrixir “canto antes” os problemas creados coas primeiras decisións sobre o departamento de Infraestruturas que levaron a unha grave parálise retrasando obras e convenios para mellorar as estradas provinciais. Fixo referencia á destitución do director de Mobilidade e a ter destinado a Deportes fondos que estaban consignados para as vías. “Non se ve que o departamento funcione”, dixo, para engadir que a situación é moi diferente a 2015 cando entrou o bipartito, posto que o departamento estaba desmantelado a nivel de persoal e boa parte dos proxectos tiñan serias deficiencias por non ter informes e terreos. “Probablemente teñan que rectificar e retomar tamén o Plan Ágora”, insistiu.
Sobre as novas dedicacións exclusivas para o PSOE –no que nin PP nin os socialistas quixeron falar- o portavoz do BNG insistiu en o Regulamento Orgánico da Corporación debería regula os criterios para o reparto de postos dos grupos para evitar “as pelexas miserables” que se dan cada vez que non hai acordos políticos.
As focas do Canadá
Vendo que os puntos relacionados co goberno provincial “pasaban sen pena nin gloria” e que os portavoces de PP e PSOE se gardaban no uso da palabra para debater sobre temas que nada tiñan que ver coa Deputación de Pontevedra, Mosquera pediu á Corporación “respecto polo Pleno” e que se abordase a xestión provincial.
Destacou que se está a “desmadrar” o número de mocións de temas estatais e autonómicos e afirmou que era unha situación que non se daba dende había tempo na institución provincial. Hai anos, lembrou, un grupo presentou unha moción sobre a mortandade das focas no Canadá. “O ‘cachondeo’ foi tal que todos pasaron a absterse de traer temas alleos á Deputación. Volvamos á mesma dinámica”, pediu.