O BNG urxe á Xunta a adoptar con urxencia medidas de calmado de tráfico na avenida da Barca

mobilidade-1
A PO-308 na zona da Barca, un perigo para a seguridade das persoas
O BNG urxe á Xunta a adoptar con urxencia medidas de calmado de tráfico na avenida da Barca

Poio 14 de maio de 2020. O BNG de Poio demanda a limitación urxente da velocidade máxima de circulación a 30km/h no tramo urbano da PO-308 que se corresponde coa Avenida da Barca, e a adopción de medidas físicas de calmado de tráfico. O recente atropelo nun paso de cebra neste tramo da estrada, no que resultaron feridas dúas mozas, ven demostrar máis una vez a urxencia de adoptar medidas de mellora da seguridade vial, tal e como a Xunta executou en outros concellos limítrofes que están afectados polo mesmo vial. 

De todos é coñecido que zona da Barca é un núcleo urbano cunha gran densidade de poboación que concentra un alto nivel de sinistros. Esta situación fai absolutamente necesario adoptar medidas urxentes para reducir o trafico rodado e garantir un mellor desenvolvemento da zona. Neste sentido, o BNG insta á Xunta, titular do vial, a que acometa estas melloras de xeito urxente, tal e como llo ven demandado o concello de Poio e a propia veciñanza.

Para o Bloque Nacionalista Galego de Poio a adopción destas medidas debe de ser un primeiro paso na liña de humanización da PO-308 non só na parroquia de San Salvador senón no conxunto do concello, e así garantir a seguridade viaria dos milleiros de veciñas e veciños de Poio que transitan a diario por ela a pé. Faise necesario, polo tanto, estudar alternativas para desviar o tráfico rodado das zonas de maior concentración de poboación do concello de Poio. 

O modelo do BNG é coñecido, cun compromiso firme coa accesibilidade e a seguridade viaria dos veciños e veciñas, e queremos poder desenvolvelo en todo o concello. Para iso é preciso a colaboración e a implicación de todas as institucións con competencias na rede viaria, unha colaboración que, até o momento, brilla pola súa ausencia no caso da Xunta de Galiza. Dende o BNG instamos á Xunta a que abandone a súa política obstrucionista e atenda dunha vez por todas as reivindicacións de seguridade viaria que, desde hai tempo lle ben demandando a veciñanza e o Concello de Poio.

O BNG urxe á Xunta a adoptar con urxencia medidas de calmado de tráfico na avenida da Barca