Pontevedra mantén a aposta pola obra pública para reactivar a economía local
Na xuntanza con representantes da Asociación de Empresas da Construción de Pontevedra, o alcalde manifestou o compromiso do goberno local para axilizar procedementos de contratación e dinamizar o sector
"Cremos que hai moitos Concellos da provincia que están un pouco durmidos, nunha situación un pouco parada, pero non é o caso do Concello de Pontevedra como nos demostraron na xuntanza de hoxe" asegurou o presidente da Asociación de Empresas da Construción de Pontevedra, Víctor del Canto. Tanto o presidente como o o xerente da asociación, Javier Carballeda, acompañaron a Miguel Anxo Fernández Lores na comparecencia pública tras a xuntanza mantida esta mañá, no marco dos encontros sectoriais que o alcalde está tendo con diversos colectivos para coñecer como afrontan a situación xerada pola crise sanitaria.
Tras a xuntanza, Fernández Lores manifestou que o goberno municipal mantén a súa aposta pola reactivación da economía local, na que se enmarca a axilización do pago a provedores e a dinamización da contratación de obra pública por entender, en palabras do alcalde que "a actividade económica da construción xera emprego e riqueza e ao mesmo tempo tamén mellora substancialmente a calidade de vida dos veciños, na medida en que se fan urbanizacións de rúas, equipamentos deportivos, ou melloras de espazo público". Neste sentido afirmou que "dentro das posibilidades que o Concello ten de reactivar a economía, o sector da construción é absolutamente fundamental".
En canto ás propostas achegadas polas empresas de construción, as principais demandas centráronse na solicitude de axilidade na tramitación e contratación das obras para fomentar o dinamismo no sector, e a introdución de criterios nos pregos de contratación que fomenten a economía circular e a rendabilidade das empresas de proximidade. Neste sentido, os representantes da construción pediron que se se eviten ao máximo as baixas temerarias, que se teña en conta a capacidade loxística das empresas no ámbito no que desenvolven a súa actividade máis importante e a creación de emprego estable na contorna. Unhas reivindicacións que Fernández Lores indicou que poderían ter encaixe nalgunha normativa europea relativa a economía circular. En todo caso, o alcalde asegurou que "nós estamos traballando xa nese sentido, porque o que queremos é que se fagan obras, que as obras se fagan ben, que as empresas teñan a súa rendabilidade, que teñen unhas condicións laborales razonables, e que a inxección económica dos veciños de Pontevedra teña repercusión tamén na calidade de vida e no emprego dos veciños de Pontevedra. É algo absolutamente lóxico é xusto". En canto á obra privada, solicitaron toda a axilización posible na tramitación de licenzas de obra.
Pola súa banda, tanto Víctor del Canto como Javier Carballeda reivindicaron o sector da construción como un dos sectores con capacidade para xerar emprego de xeito razonablemente rápido. Tamén fixeron fincapé no esforzo das empresas por adaptarse á situación e as manter medidas de seguridade esixidas, evitando os contaxios entre os seus traballadroes. "Fomos un dos sectores que mantivemos a actividade, aínda que fora restrinxida, traballamos case todas as construtoras da provincia e non tivemos ningún contaxio por Covid-19. Somos un sector bastante seguro porque tomamos moitísimas medidas de precaución para que isto fose así" afirmou Víctor del Canto.
Na xuntanza ademais de Víctor del Canto (Civis Global) e Javier Carballeda, tamén estiveron presentes a vicepresidenta primeira da Asociación, María Luisa Martínez Arias (COVSA), o vicepresidente segundo, Arturo Ramírez (Construcciones Ramírez), e dous vogais, Mauricio Rodrígues (E.C. Casas) e Ángel González (SETGA). Por parte do goberno municipal, ademais de Miguel Anxo Fernández Lores participaron a concelleira de Contratación, Anabel Gulías, e os concelleiros de Urbanismo e Obras, Xaquín Moreda de Demetrio Gómez. Segundo datos achegados pola Asociación de Empresas da Construción, no Concello de Pontevedra hai 191 empresas que dan traballo a 1.400 persoas, aos que hai que engadir arredor de 700 autónomos.