Facer de Caldas un lugar seguro para as persoas e a loita contra a crise social e económica que sucederá á crise sanitaria son as prioridades do BNG.
No actual escenario de desescalada das restriccións de mobilidade, o BNG trasladará ao goberno municipal unha batería de medidas a adoptar polo Concello de Caldas para preservar a saúde das nosas veciñas e veciños, así como tamén das persoas que acudan ao noso concello por diferentes motivos.
Neste sentido, cremos que o concello de Caldas debe facer un esforzo para garantir que o espazo público sexa o máis seguro posible para as persoas, ademais de colaborar estreitamente co comercio e a hostalería local para adoptar as medidas de impulso necesarias para pular a economía caldense, abrindo unha mesa de diálogo con comerciantes e hostaleiros para sumar esforzos e xerar sinerxías entre os diferentes actores para paliar as consecuencias da crise económica que sucederá á crise sanitaria.
Na actual situación, a ampliación dos espazos peonís en vilas e cidades está a revelarse como unha medida eficaz para que as veciñas e veciños poidan gardar as medidas de seguridade, protexendo deste xeito á poboación do coronavirus. Un modelo urbano de éxito que o BNG leva aplicando dende hai anos en Pontevedra e que agora están a imitar en cidades como Barcelona, Milán, París ou Zaragoza.
A peonalización do entorno da Plazuela, fonte da Burga, lavadoiro e rúa da Igrexa permitirá gañar para as persoas un importante espazo situado no mesmo centro da vila e facilitará que as persoas poidan camiñar dun xeito seguro.
O aumento na frecuencia das limpezas e desinfeccións do espazo público e dos colectores do lixo ou a instalación de dispensadores automáticos de xel hidroalcoholico no espazo público é outra medida que contribuirá a facer de Caldas unha vila segura para as persoas.
“Queremos facer de Caldas un concello saudable, seguro e amable coas persoas. Un concello que conte con amplos espazos peonís que permitan o mantemento das distancias de seguridade e nos que se facilite o cumprimento das medidas sanitarias que recomendan as autoridades sanitarias contra o coronavirus” manifestou Manuel Fariña.