Mosquera desvela que a taxación oficial de Santa Clara era de 12,6 millóns de euros e lembra que se mercou por 3,2
Pontevedra, 10 de novembro de 2023. O portavoz do BNG na Deputación, César Mosquera, desvelou hoxe no Pleno un dato chave e non coñecido ata o de agora na compra de Santa Clara: o valor da taxación oficial do terreo e do edificado ascendía en 2021 a 12.631.739 euros, mais os bens foron comprados polo Concello de Pontevedra por apenas un cuarto desa cantidade: 3,2 millóns de euros. “A operación foi magnífica”, subliñou o nacionalista.
Mosquera aportou estas cifras criticando o radical cambio de postura sobre o convento do PP provincial, que de man do actual vicepresidente Rafael Domínguez afeou esta semana que a Deputación teña que pagar medio millóns de euros a maiores do pagado polo Concello se quere quedar cos retablos, o coro e as sillerías, entre outros bens. Estes están en depósito durante catro anos nas instalacións conventuais pero seguen a ser propiedade das clarisas.
O nacionalista criticou que Domínguez non lera o expediente da compra a disposición no Concello dende hai dous anos e que xa incluía as cláusulas que agora critica. Preguntou ironicamente se é “unha desgracia” aceptar pagar 3,2 millóns de euros pola compra cando a taxación oficial é de 12,6 só asumindo as condicións que puxeron as monxas.
Insistiu en que as clarisas quedaron coa imaxinería como premisa “innegociable” para poder pechar a transacción. Con contundencia, Mosquera salientou que o actual vicepresidente, coas súas denuncias, tamén “deixa co cú ao aire” a Patrimonio ao cuestionar que autorizase que as monxas levasen as pezas de imaxinería.
Mosquera destaca que o PP da Deputación votou a favor do convenio de cesión co Concello sen ningunha traba cando xa incluía as cláusulas que agora critica
Mosquera insistiu que no momento en que a Deputación aceptou a cesión do convento por parte do Concello o grupo provincial do PP sospeitaba que a operación era proveitosa porque “adquiría un ben máis valioso que o que se pagou” e votou sen ningunha traba a favor da operación. “Podíase non ter aceptado o convenio pero aprobouse (...) e agora parece que é unha atrocidade, é para velo! (...)”, dixo Mosquera, advertindo ao presidente provincial Luís López que o vicepresidente Domínguez “o vai matar a desgustos” se segue actuando como o está a facer.
Finalmente, o portavoz do BNG destacou que todas as declaracións de Rafael Domínguez deixan claro que ten decidido non facer nada en Santa Clara neste mandato. Insistiu en que está chovendo e hai un problema serio coa capela, instando a actuar antes de que os problemas sexan maiores.
Contestou tamén Mosquera ás acusacións de Jorge Cubela no Pleno de non estar de acordo co nomeamento de Ángeles Tilve como directora polo simple feito de ser unha muller. Deixando de lado a invalidez da acusación, o portavoz do BNG asegurou que “a única directora real do Museo é Rafael Domínguez” deixándolle á responsable coas funcións delegadas “un gran papelón”.