Soutomaior contratará un proxecto para un gran espazo público na contorna do concello
Soutomaior, 7 de novembro de 2023. O goberno de Soutomaior anunciou que a parroquia de Soutomaior contará cun gran espazo público na contorna do concello que actuará como núcleo de centralidade para a parroquia. Este é un máis dos moitos proxectos que o goberno está redactando nestes momentos e que se irán coñecendo nos vindeiros meses. “No BNG levamos décadas demandando unha actuación así e contrataremos este proxecto porque é algo moi necesario para Soutomaior”, sinalou o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo.
Manu Lourenzo explicou que o goberno local xa traballa sobre este proxecto co obxectivo de Soutomaior conte cun núcleo de centralidade no concello e cos investimentos que precisa. “O goberno de Soutomaior traballa con proxectos serios e responsables, non con debuxiños feitos á desesperada durante a campaña electoral”, sinalou o alcalde, quen asegurou que “Soutomaior terá un espazo público na contorna do Concello e vaino ter a pesar das mentiras e dos paus nas rodas do PP”.
O alcalde de Soutomaior acusou á portavoz do PP de mentir tras o pleno do pasado mes de setembro e manifestou que no concello non existe ningún proxecto do anterior goberno para un gran parque en Soutomaior. “O único que hai é un debuxo publicitario que empregaron para a campaña e un cambio de usos no PXOM con informes contrarios da Xunta”, sinalou o alcalde. “Pero nos servizos do concello non existe nin proxecto, nin anteproxecto, nin memoria valorada, nin orzamento, nin nada sobre ese suposto parque . É como se unha familia quixese facer unha vivenda en Soutomaior e o único que presenta é un debuxo. Unha obra dese tipo precisa dun proxecto mínimo e orzamentado, algo que o PP non fixo en 28 anos”.
Manu Lourenzo sinalou que o colmo do ridículo é que hai escasos 5 anos que o PP aprobou o PXOM sen ningún proxecto para a contorna do concello, e de súpeto en campaña improvisou un plan de dotacións para cambiar os usos do chan, obrigando aos veciños a gastar o diñeiro dúas veces para o mesmo, o que para o rexedor é “pura improvisación”. “Agora mesmo no PP están descabezados, enfrontados entre eles e fan unha oposición que só achega obstáculos e insultos. Xa que non queren colaborar o único que queremos pedirlle é que non trasladen as súas pelexas internas á veciñanza do noso concello”, concluíu o alcalde de Soutomaior.