Lores dá a orde de realizar un balance exhaustivo para coñecer todos os danos dos temporais e priorizar as actuacións necesarias
Pontevedra, 6 de novembro de 2023. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da edil de Protección e Seguridade CIdadá, Eva Vilaverde, compareceu en rolda de prensa para dar conta das distintas incidencias acontecidas ao longo das últimas semanas por mor do paso das distintas borrascas que atravesaron o municipio pontevedrés, así como das medidas tomadas para paliar os efectos deses temporais.
«Falamos dunha serie de temporais que provocaron múltiples incidencias ao longo das últimas semanas», sinalou o rexedor. «Teño que poñer en valor e agradecer o traballo de todos os servizos municipais, en especial dos que teñen relación con emerxencias, como son os Bombeiros, Policía Local e Protección Civil. Todos eles, todos os servizos do Concello, traballaron dun xeito exhaustivo e atendendo as incidencias».
Fernández Lores explicou que o número de incidencias foi moi alto, se ben a maioría das mesmas foron de carácter leve. Nese sentido, é evidente que foi realizada unha priorización dos recursos á hora de atender os chamamentos cidadáns, atendéndose todos os reclamos e as súas demandas, aínda que algunhas non puideran ser corrixidas de inmediato.
«Hoxe pola mañá mandamos unha carta a todos os servizos municipais, agradecendo o seu traballo, incluíndo tamén empresas concesionarias como Viaqua ou PreZero; e o seu despregue descomunal», indicou. «A maior parte das incidencias tiveron pouca entidade como caída de vallas ou árbores, case todas elas sen maior gravidade. A cidade de Pontevedra funcionou prudentemente ben, habendo incidencias noutras cidades galegas moito peores. Isto ten que ver co traballo feito ao longo dos últimos anos, actuacións que reverteron problemas gordos, como as inundacións que se daban no Gorgullón».
Doutra banda, o alcalde informou da orde dada a todos os servizos pertinentes —arquitectura, cultura, enxeñería, deporte, parques e xardíns, espazos públicos...— para facer un balance exhaustivo de todos os danos provocados polos temporais, «sendo conscientes que algunhas consecuencias non sempre son inmediatas».
Dentro deste balance tamén será incluída unha proposta de actuación «nalgúns casos inmediata dependendo da gravidade dos problemas detectados». «Sabemos que hai problemas, é lóxico, como por exemplo nos campos de herba sintética, ou nalgúns edificios municipais, por exemplo. Unha vez teñamos todos os datos actuaremos, se pode ser por emerxencia, por emerxencia».