Pontevedra chama as cousas polo seu nome este 25 de novembro, Día internacional contra a violencia machista
Pontevedra, 7 de novembro de 2023. A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, presentou este martes os actos e a campaña municipal preparada desde o Concello de Pontevedra do 25-N, Día internacional contra a violencia machista. A edil realizou unha declaración de intencións ao inicio da súa comparecencia sinalando «que o Goberno Local de Pontevedra é un Goberno feminista, e como tal temos a responsabilidade de facer campañas que axuden a comprender e combater unha das maiores lacras da sociedade moderna, tal como é a violencia machista».
Gulías estivo acompañada na presentación da programación do 25-N polas traballadoras do CIM, ademais da empresa pontevedresa encargada do deseño gráfico da mesma, Ovo Publicidade. «A intención deste ano tivémola clara desde que comezamos a deseñala: recuperar o contido político nas campañas do 25 de novembro», indicou. «Como institucións temos un papel fundamental neste eido. Non podemos permitirnos eufemismos, non podemos permitirnos disimulos, non podemos endulzar as situacións que padecen as mulleres no mundo».
Anabel Gulías: "A campaña municipal recuperará o contido político ao ter o Concello un papel fundamental na Loita contra unha lacra que non pode ter eufemismos nin pode ser endulzada de ningunha maneira"
A edil trasladou que ao longo dos últimos anos, durante o pasado mandato en especial e como voceira do Goberno, que «cada vez que eu tiña que saír condenar un asasinato machista tiña unha sensación de impotencia, de non entender como podiamos estar a estas alturas así». Gulías explicou que os minutos de silencio non son de abondo, xa que as mulleres seguen sendo asasinadas e fronte a esa realidade aparece un discurso negacionista, algo que o Concello de Pontevedra «non pode permitir».
Así, o nome da campaña deste ano é ‘As cousas, polo seu nome’, lembrando que a violencia que padecen as mulleres é violencia machista, non doméstica nin intrafamiliar. «Cando nos chaman feminazis non nos insultan por sermos feministas, senón que demostran o seu machismo», sinalou. «No xornalismo é doado ver titulares como ‘Morre unha muller...’, mais as mulleres non morremos por xeración espontánea, e é que cando nos matan nos asasinan, polo feito de ser mulleres, non son liortas domésticas, non son crimes pasionais».
ACTIVIDADES A DESENVOLVER
Ao longo das vindeiras semanas, serán desenvolvidos distintos actos e actividades en relación co 25-N:
- Xoves 9 de novembro:
- Consello da Muller Nova
- Luns 20 de novembro:
- Lectura do Manifesto do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres no Pleno Municipal cuxa redacción este ano está a cargo de ASOCIM (Asociación de profesionais dos CIM).
- Despregue dunha lona no balcón da Casa Consistorial.
- A campaña gráfica, que fronte aos discursos reaccionarios negacionistas da violencia machista apela a chamar as cousas polo seu nome desmontando argumentarios falaces desde a pedagoxía mais básica, vai estar nas rúas do Concello en mupis e carteis e haberá camisetas para repartir nas actividades programadas.
- Presentación dun proxecto de intervención no espazo público en honra e memoria das vítimas de violencia machista.
- Sábado 25 de novembro:
- Faladoiro sobre violencias machistas, ás 13.00 en Santa Clara. Coa cantante Zahara e a xornalista Susana Pedreira.
- Concerto recital coa artista Nadine Khouri. a partir das 17.00 horas en Santa Clara
- Apoio aos actos conmemorativos (manifestación, concentracións...) convocados polo movemento feminista, respectando o protagonismo das asociacións. Hai comunicadas:
- Concentración (por parte da CIG) ás 12.00h na Praza da Peregrina.
- Manifestación (por parte de CFP) que sairá ás 20.30h. da praza da Peregrina)
- Domingo 26 de novembro:
- Participación na Andaina Camiño Violeta, organizada por ASAMPO, que este ano sae do concello de Poio (Parque da memoria ás 9.30).Chega á Praza do Concello ás 12.30 (hora estimada) e fai percorrido por Michelena, Fernández Villaverde, Soportais, Praza da Ferrería, Paseo de Antonio Odriozola, Laranxo, Praza da Leña, Padre Sarmiento, Gregorio Fernández, Praza da Pedreira, César Boente, Serra, Celso García de la Riega, Rúa da Ponte, San Telmo, Praza do Peirao, Galera, Arcebispo Malvar e regreso á Praza do Concello.
- Mércores 29 de novembro
- Entrega do Premio Ernestina Otero Sestelo 2023 no Teatro Principal. Con actuación da contacontos Cris de Caldas.
- Sábado 16 de decembro:
- Obradoiro de Autodefensa para mulleres ante situacións violentas, monitorado por Manuel Herbón, instrutor da Policía Nacional, e a axente de igualdade do CIM. É un curso de 8 horas (10-14h e 16-20h), en sesión de mañá e tarde, e terá lugar na Casa Azul (Sala Almofrei). A inscrición farase a través da plataforma apuntate.pontevedra.gal Este curso xa se fixo con grande éxito en anos anteriores
Por último, cómpre lembrar que o Concello recuperou o programa XUNTAS, de empoderamento feminino, dirixido principalmente a mulleres en situación de vulnerabilidade, tivo lugar no 1o andar do CIM todos os martes entre marzo e setembro. Durante estes seis meses as participantes traballaron na adquisición de habilidades e coñecementos para a mellora da autoestima mediante actividades de expresión corporal, teatro, risoterapia, baile, fotografía, técnicas vocais, etc. ao tempo que se favoreceu a creación de redes de apoio entre iguais. A partir do 16 de novembro, ás 12.00 horas, abrirase a mostra fotográfica realizada baixo o paraugas deste programa, na sala multiusos do Teatro principal.