PONTEVEDRA RECOLLE O DIPLOMA DE HONRA DA FEN POLA SÚA PROMOCIÓN DOS DEPORTES ACUÁTICOS
Lores reúnese co Consejo Superior de Deportes e solicita a toma de medidas inmediatas para evitar a participación do Estado de Israel en eventos deportivos
Pontvedra, 3 de outubro de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado co director da área de Deportes, Jaime Agulló, mantivo este venres, 3 de outubro, unha xuntanza co Gabinete da Presidencia do Consejo Superior de Deportes (CSD), encabezado por Fernando Olmeda.
O obxectivo da mesmafoi transmitir ao organismo estatal a petición de facer “todos os esforzos posíbeis” para impedir a participación do Estado de Israel nos eventos deportivos de caracter internacional, seguindo o modelo aplicado a Rusia ou Bielorrusia.
Esta iniciativa vai da man do acordo plenario maioritario do Concello de Pontevedra á hora de evitar facer propaganda dun estado que está a acometer un xenocidio e unha masacre en Gaza. Así, o rexedor tenta facer toda presión posíbel perante unha situación “lamentábel e condenábel”.
Segundo transmitiu Fernández Lores durante a reunión institucional, “o deporte non pode quedar alleo a unha realidade tan grave, e precisa, máis aló de medidas simbólicas, un marco estatal de coherencia”. Deste xeito, o rexedor propuxo a emisión dunha circular urxente a todas as federacions deportivas españolas para que integren a debida dilixencia en dereitos humanos e eviten dar cobertura a delegacións oficiais do Estado de Israel.
Doutra banda, indicou que o CSD debería liderar unha posición coordinada co Comité Olímpico Español e coas federacións internacionais, propoñendo unha moratoria ou, cando menos, un status de neutralidade estrita Sen representación oficial por parte do Estado israeli.
Ademais, tamén se pedíu a elaboración e establecemento dun protocolo para sedes en todo o territorio estatal que permita aplicar estas condicions sen deixar as cidades e federacións expostas a penalizacións nin a contradicións legais.
Focalizando en Pontevedra, Lores lembrou que a cidade ten por diante a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón 2026 e a Copa do Mundo de Natación Artística entre o 2026 e o 2028, polo que se antolla necesario que o CSD ofreza cobertura institucional e xurídica para que calquera medida que se adopte sexa en cumprimento da resolución plenaria e que non repercuta só sobre Pontevedra.
Por último, o alcalde propuxo a creación inmediata dunha mesa técnica tripartita (CSD-Concello de Pontevedra e Federacións implicadas) que nos vindeiros 30 días defina as condicións de participación, as alternativas posíbeis e un plan de comunicación de traballo.
“En definitiva, o que lle pedimos ao CSD é que lidere a coherencia. O deporte non pode servir para branquear un xenocidio. E Pontevedra quere seguir sendo sede de grandes eventos internacionais, pero sempre en harmonía coas obrigas de dereitos humanos e co mandato democrático que nos deu o Pleno, en coherencia co propio Goberno do Estado”, indicou Lores.
Por parte do CSD, a institución estatal manifestou a súa coherencia coas directrices do Goberno español en relación co xenocidio que acontece en Palestina, ao tempo que sinalou que o presidente do CSD xa trasladou de xeito público ao Comité Olímpico Internacional a necesidade de tomar medidas inmediatas ao redor deste tema. Ao mesmo tempo, manteñen conversas coas distintas federacións internacionais.
Focalizando máis, a institución española indicou que se analizará cada evento deportivo internacional, atendendo as súas peculiaridades.
Pontevedra recolle o Diploma de Honra da FEN pola súa promoción dos deportes acuáticos
Miguel Anxo Fernández Lores, recolleu en Madrid, en nome do Concello de Pontevedra, o diploma de honra que outorga a Real Federación Española de Natación, e aproveitou a visita para manter unha reunión na sede do Consello Superior de Deportes (CSD) e trasladar persoalmente a petición do Concello de impedir a participación de deportistas coa bandeira de Israel en eventos deportivos.
O galardón da Federación de Natación recoñece "aquelas persoas ou entidades que contribuíron intensa e acreditadamente a unha labor de difusión das actividades acuáticas". O alcalde destacou que este premio non é froito da casualidade, senón dunha aposta decidida do goberno local por manter as instalacións e promover a actividade deportiva. Como proba deste esforzo, especialmente após o peche da piscina olímpica despois da pandemia, Lores achegou datos dos últimos tres anos: a piscina de Rías do Sur acolleu 75 competicións de ámbito galego, estatal e internacional, nas que participaron un total de 10.292 deportistas.