Pontevedra recibe 14,5 millóns de euros de fondos europeos para os barrios de Monte Porreiro, A Parda, Valdecorvos e A Seca

Raimundo González
Raimundo González
Pontevedra recibe 14,5 millóns de euros de fondos europeos para os barrios de Monte Porreiro, A Parda, Valdecorvos e A Seca

 Pontevedra, 3 de outubro de 2025. ”Hoxe é un día grande para Pontevedra, pero fundamentalmente para os veciños de Monte Porreiro, A Seca, Valdecorvos e A Parda, que foron os barrios que escollemos para presentarnos e beneficiarnos dos fondos europeos EDIL (Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local)". Así anunciou esta mañá o concelleiro responsable da xestión dos fondos europeos, Raimundo González, que Pontevedra viña de recibir 14.550.506 euros do programa europeo FEDER. O Ministerio de Facenda fixo pública hoxe a resolución pola que Pontevedra foi seleccionada para desenvolver un Plan de Actuación Integrado (PAI) no marco do Desenvolvemento Urbano Sostible. 

Raimundo González explicou que o financiamento distribúese nunha porcentaxe de 60-40, polo que o fondo FEDER achegaría 8.730.304 euros e o Concello 5.820.202 euros, unha contía similar ao resto de cidades galegas de máis de 75.000 habitantes. 

O Concello de Pontevedra tiña presentado un proxecto valorado en 20 millóns de euros nos que se incluían proxectos como o pavillón de Monte Porreiro, o parque da Parda, a praza central do barrio da Seca, a reurbanización das rúas principais de Monte Porreiro, o campo de fútbol-rugby do mesmo barrio e a reforma do seu centro cultural, ademais do proxecto hidráulico do regato de Valdecorvos, entre outros. O concelleiro xa adiantou que a día de hoxe non cae ningún dos proxectos presentados no EDIL de Pontevedra, xa que hai que agardar a resolución definitiva da concesión de fondos para coñecer cales son as liñas financiables e se existe a posibilidade de incrementar as contías de adxudicación, ou incluso poderían chegar a ser financiados con fondos propios.

Ademais tamén aclarou que o Concello dispón de proxectos en execución, outros en licitación e outros maduros como o caso da Casa de cultura e do campo de fútbol-rugby de Monte Porreiro. Esta situación permitirá cumprir a obriga de ter pagado a mediados de 2027 o 20% da concesión dos fondos, xa que ao estar o parque da Parda en obras e en licitación o pavillón de Monte Porreiro, chegaríase a esa data con máis de 11 millóns de euros en execución. 

O concelleiro concluíu que a adxudicación destes fondos "vai a supor a transformación radical dos barrios de Monte Porreiro, A Seca Valdecorvos e A Parda porque se van a beneficiar duns proxectos que van a estruturar os barrios e que son fundamentais para a súa calidade de vida". 

Os proxectos por barrios 

En Monte Porreiro, que concentra máis do 50% do investimento, prevese a renovación das instalacións do campo de fútbol e rugby, a rehabilitación do centro sociocultural, a creación dunha aula TIC e a construción dun novo pavillón de tenis de mesa. Este equipamento contará cunha cuberta verde que se converterá nunha nova praza pública de encontro para a veciñanza. Ademais, realizarase a reforma integral das rúas Alemaña, Irlanda, Luxemburgo e Reino Unido. 

En A Seca e Valdecorvos, o proxecto inclúe a urbanización dun espazo público de centralidade no barrio ao carón da vía de ferro e a creación dun parque inundable en Valdecorvos, pensado para previr os asolagamentos recorrentes na rúa Fernando Olmedo e, ao mesmo tempo, funcionar como un novo pulmón verde para o barrio. 

En A Parda, destínanse fondos para o parque de máis de 34.000 metros cadrados, actualmente en execución, que suporá unha transformación radical e verde nun barrio en forte crecemento. 

Finalmente, o plan tamén incorpora un apartado de administración dixital e Smart City, co obxectivo de mellorar servizos municipais e avanzar na modernización tecnolóxica da cidade. 

Pontevedra recibe 14,5 millóns de euros de fondos europeos para os barrios de Monte Porreiro, A Parda, Valdecorvos e A Seca