Aberto o prazo de recepción de propostas para a 27 edición de ‘Noites Abertas’
Pontevedra, 3 de outubro de 2025. O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez presentou a 27 edición de Noites Abertas e con ela a apertura da convocatoria para presentar propostas de actividades que estará aberta até o 31 de outubro. O programa de actividades 2026 desenvolverase entre o 30 de xaneiro e o 28 de marzo. “Facemos un chamamento a empresas, asociacións, clubes, persoas autónomas, etc. que traballen no eido da xuventude a que participen neste programa para a mocidade”, salientou Demetrio Gómez.
As características das actividades que se desenvolverán na 27 edición de Noites Abertas son:
- Actividades de fin de semana (venres e sábados)
- Interiores e exteriores. Preferencia actividades interiores debido á climatoloxía
- Inscrición só para algunhas das actividades exteriores que requiran desprazamentos
- Diversas, accesibles, gratuítas e plurais. É un programa para todos os gustos e onde todas as temáticas teñen cabida.
Os proxectos que se presenten teñen que ter en conta a poboación á que está destinada: mocidade entre os 12 e os 30 anos. Todo o rango de idades ou algún treito concreto. O número de sesións que se poden propoñer serán de unha a catro, e a duración das sesións será de 2 horas máximo e 1 hora mínimo.
Os espazos de celebración serán: CEIP Froebel, Casa Azul, Local de Música, Pavillón Multiusos, Campos de Herba sintética da Xunqueira e prazas da cidade. E os horarios serán entre as 20:00 e as 00:00 horas.
Rematado o prazo, a coordinación do programa Noites Abertas seleccionará as propostas de actividades en función dos criterios establecidos. A comunicación dos proxectos seleccionados realizarase a partir do mes de novembro de 2024.
Os criterios para selección de propostas son os seguintes:
- Interese para a mocidade Teranse en conta as avaliacións doutras edicións para valorar o interese das actividades propostas.
- Actividades de lecer educativo Construtivas, lúdicas e participativas; que teñan que ver coa promoción da igualdade, da cultura galega, da saúde, a interculturalidade, arte, música, gastronomía, xogos, medioambiente...
- Viabilidade e inclusión que se adapten a unha participación activa e inclusiva
- Actividades interesantes para a xente nova
O formulario para presentar as propostas atópase en noitesabertas.gal