Lores explica á veciñanza de Lourizán e da rúa do Santo o proxecto para solucionar as inundacións

Reunión rúa do Santo
Reunión rúa do Santo
Lores explica á veciñanza de Lourizán e da rúa do Santo o proxecto para solucionar as inundacións

Pontevedra, 6 de xullo de 2026. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira do rural, María José Abilleira, reuníronse hoxe coa asociación de veciños de Lourizán e residentes na rúa do Santo para explicarlles persoalmente o proxecto municipal deseñado para solucionar de forma definitiva as inundacións que afectan a este punto da parroquia. Na xuntanza informouse de que os traballos de emerxencia comezarán nos vindeiros días e terán unha duración estimada de tres meses.

Logo da reunión, Abilleira lembrou que a actuación supón un investimento de preto de medio millón de euros, unha contía que se incrementou en dúas ocasións para atender as peticións de Augas de Galiza. O obxectivo prioritario é que a veciñanza dispoña da rúa totalmente protexida antes da chegada do vindeiro inverno, evitando así os graves problemas de anegamento sufridos no pasado.

O problema das inundacións nesta zona de Lourizán viuse agravado de xeito notable a raíz da construción da variante de Marín. Esta infraestrutura provocou o encauzamento de grandes volumes de auga cara o regato que discorre pola rúa do Santo. Por este motivo, os servizos técnicos municipais continúan a estudar medidas complementarias para realizar a recollida de augas máis arriba da zona de actuación.

A execución destas obras resultou especialmente complexa debido á necesidade de coordinar a catro administracións públicas diferentes para a obtención dos permisos pertinentes. Entre os trámites máis dificultosos estivo a obtención da autorización por parte da Dirección de Infraestruturas, debido á sentenza pendente sobre o soterramento dos pasos a nivel. Finalmente, a firma dun permiso provisional por parte deste organismo permitiu desbloquear a actuación para que o Concello poida acometer os traballos.

"Para nós era fundamental explicar directamente á veciñanza que o proxecto está listo e que as máquinas comezarán a traballar de inmediato", sinalou María José Abilleira. A concelleira do rural explicou que "se trata dunha obra de urxencia moi complexa desde o punto de vista administrativo, pero absolutamente necesaria para que as familias non teñan que pasar outro inverno con inundacións nas súas portas".

Ademais do proxecto hidráulico, os veciños aproveitaron a reunión para solicitar o apoio institucional do Concello ante dous problemas históricos que afectan á parroquia. Por unha banda, demandan solucións ante o excesivo paso de camións que circulan a diario pola estrada Vella de Marín. Pola outra, reclaman medidas polos cheiros procedentes da depuradora, unha molestia que se acentúa de xeito especial durante a época estival debido ás altas temperaturas.

Lores explica á veciñanza de Lourizán e da rúa do Santo o proxecto para solucionar as inundacións