O BNG visita o Centro de Día de Valga para recoller propostas de mellora e insiste na necesidade do seu traslado definitivo ao CODI de Baño
Valga, 7 de xullo de 2026. Ovoceiro municipal do BNG, Fran Devesa, acompañado polos membros do grupo local Susana Barreiro e Adrián Pardal, visitaron o Centro de Día de Valga co obxectivo de coñecer de primeira man a situación das instalacións e recoller as propostas das persoas usuarias e traballadoras para mellorar un dos servizos máis importantes do concello. Desde o BNG agradecen a boa disposición e o acollemento recibido, que permitiu comprobar o gran traballo que realiza o persoal deste servizo esencial.
Entre as necesidades máis urxentes que trasladaron as persoas usuarias destaca a instalación dun sistema de climatización axeitado. Nun centro destinado a persoas maiores, garantir unha temperatura correcta non pode depender de solucións improvisadas. Esta demanda demostra que o actual espazo que acolle o Centro de Día, o auditorio municipal de Cordeiro, ten limitacións evidentes e reforza a necesidade dun cambio de localización. Mentres ese traslado non se produza, a climatización debe ser unha prioridade inmediata por unha cuestión de saúde, benestar e dignidade.
A maiores, o centro precisa doutras actuacións urxentes para garantir a seguridade e a comodidade das persoas maiores. Entre elas, a instalación dunha cuberta na porta de acceso para que poidan entrar e saír protexidos da chuvia, así como unha solución definitiva para os problemas do ascensor. Esta instalación xa fallou durante o apagamento de abril do ano pasado, provocando unha situación de perigo ao ter que evacuar persoas en cadeira de rodas polas escaleiras, e agora sofre tamén filtracións de auga. Así mesmo, solicítase a colocación de bancos nas inmediacións para que quen poida saír dar un paseo teña un lugar axeitado onde descansar con tranquilidade.
O Centro de Día é unha peza fundamental dos coidados públicos en Valga, un espazo de atención e acompañamento para os maiores e un apoio esencial para as súas familias. Cómpre lembrar que este servizo formou parte dos primeiros centros da Rede Galega de Centros de Día, impulsados e postos en marcha en 2008 baixo o goberno do BNG na Xunta de Galiza.
O testemuño do persoal e das persoas usuarias reforza a liña que o BNG de Valga vén defendendo desde hai tempo. Para o grupo municipal liderado por Fran Devesa, cómpre acometer melloras inmediatas no centro actual, sen esquecer a cuestión de fondo: o inevitable cambio de emprazamento. Valga precisa dun espazo máis accesible, cómodo e seguro, pensado especificamente para os coidados que merecen os nosos maiores. Por iso, o BNG continuará defendendo o seu traslado ás instalacións do CODI en Baño.
Todas as actuacións citadas son concretas, posibles e necesarias. En definitiva, o BNG de Valga traballará en dúas direccións: reclamando solucións inmediatas para as deficiencias actuais e esixindo unha nova localización digna. “Porque uns coidados públicos dignos son imprescindibles para unha Valga máis xusta, máis humana e con máis futuro”, conclúe o voceiro municipal, Fran Devesa.