XULLO, AGOSTO E SETEMBRO

Pontevedra ofrecerá máis de 300 actividades nun "verán redondo"

Pontevedra ofrecerá máis de 300 actividades nun "verán redondo"

Pontevedra, 6 de xullo de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores presentou a programación das festas de verán que inclúe máis de 300 actividades que se estenderán durante os meses de xullo, agosto e setembro. As festas, que xa arrincaron con eventos como o Surfing de Lérez, Sete Falares ou Bdragráfica, incorporan propostas en Xeve, Monte Porreiro, A Eiriña, San Roque, O Burgo, Lérez e o centro da cidade.

A programación destaca por incorporar espectáculos de deseño propio para Pontevedra coma o certame de maxia Pontemaxia ou a colaboración da Banda de Música de Salcedo coa compañía de circo Pistacatro. Así mesmo, a praza do Concello acollerá un concerto sorpresa cuxa identidade non se desvelará previamente por razóns de confidencialidade contractual.

A novidade do programa deste ano é a inclusión dunhas lentes homologadas de agasallo para observar de xeito seguro a eclipse solar do 12 de agosto que coincidirá coas festas da Peregrina e tamén unhas recomendacións específicas de como ver este fenómeno con garantías, da man da Asociación astronómica Sirio.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que a programación supón "un verán redondo, un non parar durante todo o verán" e subliñou que o programa abrangue a todos os sectores, gustos e idades. Fernández Lores engadiou que a cidade ten "cada vez máis intensidade" e ofrece actividades de títeres, xogos infantís, deporte e música tradicional.

Pola súa banda, o concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, confirmou que a Feira Franca —que se celebrará os días 4 e 5 de setembro— estará dedicada este ano ás tabernas e sobre este tema versará o espectáculo inicial.

A axenda deportiva pechará a tempada coa celebración, do 23 ao 27 de setembro, da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, unha cita que se complementará con once concertos e actividades musicais en distintos puntos de Pontevedra.

Pontevedra ofrecerá máis de 300 actividades nun "verán redondo"