Lores: "A de Ence foi unha prórroga fraudulenta, unha falcatruada, e seguiremos utilizando todos os mecanismos existentes á hora de recuperar a ría de Pontevedra para a súa veciñanza"
Pontevedra, 17 de decembro de 2024. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta das últimas novidades ao redor de Ence e a advertencia da Unión Europea ao Estado Español pola súa prórroga.
“Onte soubemos deste requirimento de explicación que a Unión Europea solicita sobre a prórroga de Ence”, iniciou o rexedor. “Nós sempre soubemos que a prórroga de Ence foi unha prórroga fraudulenta, unha falcatruada, un trato de favor a unha empresa determinada e desde logo un agravio comparativo para outras empresas”.
Lores sinalou que mantén a esperanza de ver como “a verdade aflora nalgún momento”. “Sempre dixemos e así o dicimos hoxe: utilizaremos todos os mecanismos ao noso alcance para recuperar a ría de Pontevedra. Estamos nese camiño, temos un equipo xurídico traballando no tema e esgotaremos todas as vías que poidamos esgotar”.
“Mentres sexa alcalde de Pontevedra procurarei e usarei todas as opcións posíbeis para recuperar a ría para todos os pontevedreses e pontevedresas”, finalizou. “Esa é a nosa liña. Este argumento que expón a Unión Europea non é a primeira vez que se utiliza, e nós tamén o utilizamos naquel recurso da Audiencia Nacional cando se nos deu a razón”.