A Parda vivirá un nadal de cine, cargado de actividades e sorpresas
Pontevedra, 19 de decembro de 2024. A concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías, presentou a programación de Nadal que o barrio da Parda vivirá ao longo das vindeiras semanas, promovida polo Concello de Pontevedra.
“No barrio da Parda hai un movemento asociativo forte, algo que permite unha comunicación directa; hai representantes veciñais cos que podemos falar e mellorar distintas accións ou as ofertas de lecer existentes”, sinalou a edil, acompañada de representantes da Asociación de Comerciantes da Parda.
Gulías destacou que as accións veciñais na Parda sempre teñen un punto sorpresivo, como pode ser nesta ocasión o concurso do xersei máis feo de Nadal, “concurso no que eu mesma participarei a moita honra”.
Concello e asociación convidan a todos os pontevedreses e pontevedresas a visitar o barrio e gozar tamén da programación especial, que inclúe proxeccións de cinema, obradoiros, actividades infantís e mesmo unha festa de Aninovo o 2 de xaneiro.