Lores: "Domínguez e o Partido Popular atópanse máis cómodos na idea de transmitir de xeito sistemático que ‘a culpa é de Lores’"

Lores
Lores
Lores: "Domínguez e o Partido Popular atópanse máis cómodos na idea de transmitir de xeito sistemático que ‘a culpa é de Lores’"

Pontevedra, 19 de decembro de 2024. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmou, após a ruptura das negociacións dos orzamentos por parte do PP, que Domínguez e o PP están máis cómodos na idea de transmitir de xeito sistemático que “a culpa é de Lores” que en aportar para mellorar a vida dos veciños e veciñas de Pontevedra. 

“Nós partimos da idea de negociar os orzamentos coas dúas forzas políticas, que neste momento están na oposición, e así o fomos facendo”, explicou Fernández Lores, que de novo situou ao PSOE como o seu socio prioritario nesta negociación. “O Partido Popular sinalou que ía negociar sen ningún tipo de liñas vermellas; houbo negociacións sinceras, tal e como recoñecen eles, pero onte xa dixeron que rompen as negociacións”. 

“Nas negociacións que mantivemos chegamos a admitir diversas cuestións que o PP suxería, unha parte importante das propostas figurarían no proxecto definitivo do orzamento, como as referentes a aparcadoiros disuasorios, accesibilidade…", indicou. “O cambio de actitude de Domínguez e do Partido Popular fai que parezan máis cómodos na idea de transmitir de xeito sistemático: ‘a culpa é de Lores’”. 

O alcalde indicou que Domínguez “en vez de apostar polo ben dos intereses de Pontevedra, aposta por estar nesa posición de liante”. “Temos o exemplo de Santa Clara, que acabou nunha calexa sen saída para acabar dicindo que a culpa era de Lores, en vez de recoñecer os seus erros”. 

Fernández Lores destacou que a negociación para a aprobación dos orzamentos do ano 2025 continúa o seu curso co Partido Socialista co fin de chegar a un acordo. 

Lores: "Domínguez e o Partido Popular atópanse máis cómodos na idea de transmitir de xeito sistemático que ‘a culpa é de Lores’"