ELEXIDA POR UNANIMIDADE E ACLAMACIÓN
Ana Peralba, nova responsábel comarcal
A militancia do BNG na comarca de Pontevedra-Caldas vén de aprobar por unanimidade a proposta de candidatura para o novo Consello Comarcal, que propuxo o Consello Comarcal saínte, e que encabeza a até o de agora Vice-responsábel Comarcal, Ana Peralba Lourenzo.
A candidatura aprobada está conformada por 25 persoas, ás que se lle engadirán ao final do proceso as e os responsabeis locais e de Galiza Nova.
O anterior responsábel comarcal, Iván Bello, fixo un balance positivo dos últimos tres anos onde a organización tivo que facer fronte a todo un cúmulo de procesos electorais continuados: municipais, xerais, galegas e europeas, que se encararon con solvencia. Fixo fincapé en que por vez primeira en moitos anos o BNG foi quen de presentar candidaturas en todos e cada un dos concellos da comarca, “o que nos permite contar con base para consolidar e acrecentar a organización en cada un deles”. Valorou tamén que, a pesar de perder a histórica alcaldía de Poio, o BNG conseguíu manter as de Pontevedra e Barro, e sumar as de Soutomaior e Pontecesures, quedar a unha presa de votos de lograr a de Moraña, a entrada no Goberno de Caldas de Reis e recuperar a presenza en Valga e Cuntis..
Salientou tamén no balance de xestión o incremento dun 20% da militancia, con altas en todas as localidade, “unha cifra significativa que agardamos seguir incrementando nos próximos anos”.
Pola súa banda, a nova responsábel comarcal, Ana Peralba, agradeceu a confianza depositada pola militancia e quixo ter unhas palabras de agradecemento “a todas as compañeiras e compañeiros que deixan a dirección comarcal polo seu traballo e compromiso”, mostrándose segura que, como até agora, “van seguir comprometidas co BNG, traballando para seguir mellorando a organización, ampliando a súa base militante e reforzándoo como alternativa política”.
O novo Consello Comarcal, que acolle as propostas de todas as localidades, é “unha combinación de cargos institucionais, con estudantes, traballadoras xubiladas, xente moza e referentes do ámbito sindical e cultural”.
A nova responsábel afirmou que neste periodo “o fundamental son as localidades. Temos que comezar xa a preparación do traballo das eleccións municipais, e aproveitar este traballo para reforzar a representación nos concellos, e que este reforzo serva para iniciar a conquista da presidencia da Xunta de Galiza, que lle dea o cambio de rumbo que tanto precisa o noso país”