O BIGSOUND REPETIRÁ OS DÍAS 17 E 18 DE XULLO DE 2026
Lores destaca o incríbel comezo do verán pontevedrés
Pontevedra, 14 de xullo de 2025. O verán pontevedrés acaba de comezar, mais xa son moitas as emocións e sorpresas que foron acontecendo. Un vibrante Multisport deu paso a un concerto espectacular de Jennifer López, que logo soubo continuar a festa un BigSound polo que pasaron máis de 35.000 persoas. Polo camiño, Pontevedra fixou no calendario a data da vindeira gala dos Premios Feroz. O verán pontevedrés é diferente.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo facer un balance destas últimas semanas, lembrando que “nada acontece por casualidade nesta cidade”, alabando o traballo colectivo que permitiu gozar de tantas actividades de distinta índole en apenas 20 días... e as que están por chegar.
Lores agradeceu a colaboración e paciencia da veciñanza, en especial da zona da antiga Tafisa, que se viu afectada polos diferentes eventos que tiveron como epicentro este espazo, que demostrou ser un espazo ideal para o crecemento do BigSound ou a recepción á unha artista internacional, ao pasar por el milleiros de persoas en apenas uns días.
A modo de resume, o rexedor ofreceu algúns datos remitidos pola organización do festival, entre os que se inclúen as máis de 35.000 persoas que pasaron por el ao longo dos dous días, un impacto económico estimado en 14 millóns de euros, a contratación de máis de 1.300 traballadores e traballadoras e a data para a súa volta, o ano que vén, no 2026, os días 17 e 18 de xullo. “Sempre o dicimos: quen vén a Pontevedra repite”, indicou.