A VISIBILIDADE E AMPLITUDE DO LOCAL GARANTEN UNHA PERFECTA EXPERIENCIA DE VISITA ÁS PERSOAS QUE SOLICITAN INFORMACIÓN TURÍSTICA

A nova oficina de turismo de Caldas xa está aberta e a pleno rendemento

Oficina de turismo de Caldas
Oficina de turismo de Caldas
A nova oficina de turismo de Caldas xa está aberta e a pleno rendemento

Caldas, 15 de xullo de 2025. O Concello de Caldas de Reis ten xa aberta e a pleno rendemento na Prazuela a súa nova oficina de turismo definitiva. O Tenente de Alcalde Manuel Fariña anuncia que as instalacións estarán abertas nun amplo horario ata principios de decembro e destaca a súa visibilidade e amplitude para garantir unha perfecta experiencia de visita ás persoas que solicitan información turística.

Fariña explica que a oficina está aberta ao público dende o pasado luns día 7 de xullo e que durante a semana pasada aínda se realizaron algúns labores de acondicionamento, como o rotulado de cristais e portas para identificala como o punto de referencia municipal de Turismo. 

A intención do Concello é estender a tempada de apertura ata o 6 de decembro, aproveitando tanto o tirón do verán como o importante número de persoas peregrinas que transitan pola vila termal tamén durante o outono, fóra da tempada alta. O horario de funcionamento será tamén máis amplo do habitual, chegando ás 37 horas semanais de luns a sábado. 

“Nunca tan bo servizo se prestou como o que se vai dar este ano. As persoas turistas poderán recibir atención e asesoramento de maneira máis axeitada, sen ter que desprazarse do seu itinerario no caso de que pasen polo Camiño a Santiago. Ademais, poderán planificar mellor e aproveitar ao máximo a súa estancia xa que o persoal ofrecerá actividades, eventos e localizacións cos nosos recursos naturais e patrimoniais. A imaxe de Caldas como destino será, por fin, máis profesional, deixando atrás a vella caseta da Tafona”, subliña Fariña.

As instalacións estarán abertas 37 horas semanais ata principios de decembro

O responsable de Turismo destaca que o novo local da oficina de turismo cumpre con tódolos requirimentos que se buscaban, xa que está instalado nunha zona de paso no Camiño de Santiago, nunha esquina da praza Martín Herrera (Prazuela) coa rúa Laureano Salgado –a carón do parque infantil- e que ten case 19 metros de fachada, o que facilita a súa visibilidade e identificación por parte das persoas visitantes. 

Así mesmo, Fariña destaca que as instalacións son moito máis amplas do esixido nas bases (50m2), xa que superan os 75 metros, son modernas e funcionais, non sendo preciso apenas remodelacións xa que estaban axeitadas para traballo de oficina e atención ao público. O Concello, que outorgou a esta oferta de local a máxima puntuación, pagará por el  cada mes 800 euros máis impostos.

O nacionalista lembra que os datos de consultas na caseta provisional na Rúa Real o ano pasado demostraron que foi un acerto total trasladar a oficina dende A Tafona, xa que se bateu a cifra récord de 10.000 visitas na tempada activa entre os meses de agosto e novembro. Neste ano o obxectivo é superar aínda máis ese número.

A nova oficina de turismo de Caldas xa está aberta e a pleno rendemento