Un informe do ORAL demostra que Agustín Reguera mentiu no pleno de Soutomaior
Soutomaior, 26 de xaneiro de 2021. Un informe do órgano provincial encargado da xestión dos tributos e das multas para os concellos (ORAL) demostra que a práctica totalidade das sancións impostas no Concello de Soutomaior polos auxiliares de policía local entre o 30 de xuño de 2019 e o 1 de marzo de 2020 son ilegais.
Pero ademais, neste informe demóstrase que tanto Agustín Reguera como o concelleiro de Tráfico Fernando Crespo mentiron no Pleno Municipal do pasado 20 de xaneiro, convocado a instancia do BNG para esclarecer as irregularidades nestes procedementos. Neste pleno tanto Agustín Reguera como o concelleiro de Tráfico Fernando Crespo sinalaron que as multas estaban tramitadas de maneira legal.
Pero o informe do Oral solicitado a instancia do concelleiro do BNG Diego Moreira e que chegou hoxe ao rexistro de entrada do Concello de Soutomaior sinala literalmente que existen 176 sancións postas por axentes da policía local de Soutomaior cando nos meses sinalados non existía ningún axente de policía local en Soutomaior.
Ademais o informe do ORAL destaca que continuará estimando a integridade das alegacións e recursos nas que se demostre que os xustificantes das denuncias en papel non coincida coas gravacións efectuadas no aplicativo. E ademais deixa claro que o aplicativo só pode ser empregado para gravar denuncias de axentes non de auxiliares.
O Portavoz Municipal do BNG Manu Lourenzo sinalou que Soutomaior non merece un alcalde nin un concelleiro de tráfico que lles mintan aos seus veciños e veciñas. Estamos ante o peor goberno da historia democrática de Soutomaior. Este informe non fai máis que demostrar o deterioro e falta de respecto pola veciñanza deste goberno do PP.