O BNG PROCURA UN PACTO POLO BENESTAR DA VECIÑANZA
Ernesto Filgueira negocia co alcalde as contas municipais de Cerdedo-Cotobade
Cerdedo-Cotobade, 22 de xaneiro de 2021. O Portavoz do BNG en Cerdedo-Cotobade, vén de reunirse co alcalde para plantexarlle as propostas que, ao entender da formación nacionalista, debían contemplar os orzamentos municipais para que sexan útiles nun contexto como o actual marcado pola pandemia.
No reunión o BNG trasladoulle ao alcalde de Cerdedo-Cotobade que ve coa “máxima preocupación as consecuencias económicas e sociais da COVID-19 que está a lastrar o benestar das familias, a fenda dixital na que se atopan algunhas crianzas, a falla de traballo para as persoas autónomas, o pequeno comercio e produtores de Cerdedo e Cotobade, ou a necesidade de ampliar a cobertura dende os servizos sociais para protexer ás persoas maiores e ás máis vulnerábeis”. Neste contexto, para os nacionalistas, o obxectivo das contas públicas deste ano pasa por centrarse na dinamización comercial local, no benestar das persoas, no despegue da cultura e na loita polos servizos públicos.
O obxectivo das contas públicas deste ano pasa por centrarse na dinamización comercial local, no benestar das persoas, no despegue da cultura e na loita polos servizos públicos
Seguindo esta filosofía, a batería de propostas para a negociación son as seguintes:
- Posta en funcionamento dunha liña urxente de axudas directas para as persoas autónomas, pequeno empresariado e produtores locais cunha partida por riba dos 375.000€ en estreita colaboración coa Deputación e a Xunta de Galiza.
- Alcanzar a excelencia no gasto social por riba dos 100€ por habitante cunha partida de 585.000€. Aumentar as horas prestadas aos usuarios do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en función das súas necesidades e incrementar o número de persoas beneficiarias dadas as consecuencias económicas por mor da pandemia actual. Aumentar a partida de Emerxencia Social. Prestar acompañamento e apoio psicolóxico para mellorar a saúde mental da poboación en xeral centrándose especialmente na infanto-xuvenil, nas persoas maiores e na poboación en risco de exclusión social. Imprescindible reforzar o Departamento de Servizos Sociais con persoal de apoio.
Ernesto Filgueira: “A postura do grupo que lidero é a de achegar as mellores propostas, negocialas e acordalas; sobre todo nas duras circunstancias sanitarias e económicas actuais, conscientes de que a veciñanza quere responsabilidade e altura de miras e así o estamos a demostrar comprometéndonos cunha oposición seria, propositiva e responsábel”.
- Aumento nun 40% das aportacións económicas ás asociacións folclóricas, musicais, culturais, ANPAS e Festas Gastronómicas ata alcanzar os 41.580€.
- Unha partida dedicada a cubrir todos os eventos da efeméride do Ano Gaiteiro Ricardo Portela. Revisar á alza o apoio económico das Escolas Deportivas Municipais.
- Creación dunha BOLSA DE DINAMIZACIÓN CULTURAL PARA ACTIVAR AS CASAS PÚBLICAS PARROQUIAIS facendo partícipes de xeito remunerado ás entidades culturais, folclóricas e musicais do concello.
- 15.000€ para reducir a Fenda Dixital: crear unha Bolsa de Axudas para achegar material dixital e/ou dotar de servizo de internete ás crianzas que o precisen. Crear un programa de “Cursos de Formación Dixital” nas parroquias para dotar á veciñanza da aprendizaxe necesaria para desenvolverse nas xestións de trámites máis habituais (citas médicas, xestións bancarias, xestións coas administracións …).
- Posta en marcha dun Programa de Transporte-Taxi á Demanda para cubrir as necesidades básicas de mobilidade inter-parroquial (alimentación e/ou sanitarias) para persoas da terceira idade e/ou persoas con diversidade funcional.
- Incorporar as partidas económicas oportunas para a reforma da Estradas de Almofrei, a ampliación do tramo Bugarín-Fondós e seguranza viaria no tramo Borela-A Graña e Rebordelo-Pozo Negro.