A Xunta mantén a comunidade educativa do CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra exposta ao contaxio por Covid-19 en plena terceira onda
Pontevedra, 21 de xaneiro de 2021. A pesar de que hai dous meses que o Parlamento de Galicia aprobou a iniciativa do BNG para que a consellaría de educación solucionase os problemas de ventilación do CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra, a comunidade educativa atópase en plena terceira onda da Pandemia en aulas sen ventilación.
Este problema foi denunciado pola propia comunidade educativa e mesmo denunciado na inspección de traballo pola CIG-Ensino polo risco que supón para o profesorado e o alumnado deste centro. O risco prodúcese porque as fiestras do conservatorio non permiten a ventilación das aulas. Ademais, polo tipo de ensinanzas que se impaten nestas aulas (de canto e instrumentos de vento, sobre todo) a exposición aos aerosois durante tantas horas e en aulas sen ningún tipo de ventilación, supoñen en risco evidente para a saúde da comunidade educativa.
Pero este problema que foi denunciado dende hai xa varios anos, xa ten provocado mesmo lipotimias no alumnado nos meses de calor, xa que a falta de ventilación provoca que nas aulas se acaden temperaturas superiores aos 32 grados.
Dous meses despois de que o Parlamento aprobase por unanimidade a iniciativa do BNG que urxía ao cambio das fiestras do conservatorio, a pasividade e o desleixo do Xefe territorial obriga ao alumnado e profesorado do CMUS Manuel Quiroga a permaneceren nas aulas expostos a un elevado risco de contaxio
A pesar de que esta situación, que foi levada ao Parlamento polo BNG o pasado 27 de novembro e acadou o acordo unánime para que a Consellaría de Educación procese de xeito urxente ao “cambio de todas as fiestras do edificio para permitir a correcta ventilación do mesmo” a Xefatura Provincial de Pontevedra, dous meses despois, continúa sen cumprir o acordo do Parlemento obrigando a alumnos e profesores do CMUS Manuel Quiroga a permaneceren nas aulas expostos a un elevado risco de contaxio.
A este respecto, o deputado e Portavoz de Educación do BNG Manuel Lourenzo sinalou que “ao tempo que vemos como noutras Xefaturas Territorias si se atendeu a demanda do BNG para resolver problemas idénticos, mesmo con acordos parlamentares posteriores; en Pontevedra, o señor Perez Ares só apareceu para sacar a foto. Non é de recibo que en plena terceira onda teñamos a un Xefe territorial adicado en tempo completo á propaganda e incapaz de xestionar nin sequera os acordos unánimes do Parlamento de Galiza. Agardamos que non teñamos que lamentar contaxios por esta causa no conservatorio, porque de ser así dende a Xefatura Territorial de Pontevedra terán que asumir as súas responsabilidades”.