O goberno local de Soutomaior recoñece irregularidades pero négase a trasladar a documentación á fiscalía e ao xulgado
Soutomaior, 20 de xaneiro de 2021. O Concello de Soutomaior celebrou no día de hoxe un pleno extraordinario solicitado polo BNG para aclarar as presuntas irregularidades que se produciron tanto na contratación de policías locais como na instrución das sancións por parte do goberno municipal, que fixo que o Concello fose condeado por partida dobre, tanto polo Xulgado do Social número 2 de Vigo coma polo Xulgado do Social número 1 de Vigo.
Tal e como desvelou o BNG, as denuncias instruídas entre o 30 de xuño de 2019 e o 1 de xaneiro de 2020, incumpriron os trámites legais esixidos, xa que como no concello de Soutomaior non había policía local, foron presuntamente instruídas cun número da policía local que se atopaba en excedencia.
Pero as irregularidades desveladas, tamén inclúen outros posibles delitos derivados do feito de que a policía local puxese multas nun horario no que non había policías de servizo ou que o propio concelleiro de tráfico recoñeza nun documento oficial que tanto el como o alcalde asumían as funcións do órgano de xefatura da policía local, algo que de confirmarse sería tamén absolutamente ilegal.
Ademais, existen outras presuntas irregularidades relacionadas co feito de que os auxiliares de policía local realizasen función só permitidas aos vixiantes municipais, unha figura para a que sería obrigatorio ser funcionario, e que tampouco se cumpría no concello de Soutomaior.
Ante todas estas situacións o goberno local viuse na obriga de ter que recoñecer a evidencia de varias irregularidades, como as das multas fóra de horario da policía ou o feito de que o volcado de datos se fixese co número de axente dun policía en excedencia. Pero a pesar da evidencia destas graves irregularidades, tanto o concelleiro de tráfico como o alcalde, Agustín Reguera optaron pola evasiva e por iso o portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo solicitou que o propio concello puxese a documentación que ten no seu haber e que afecta a estas presuntas irregularidades a disposición da fiscalía e do Xulgado.
Pero ante esta situación o Alcalde Agustín Reguera negouse a remitir esa documentación excusándose en que xa había unha investigación aberta. Manu Lourenzo sinalou que moita da documentación que consta no concello pode ser importante para a investigación, e que ningún veciño vai entender que se o alcalde non ten nada que ocultar se negue a enviar esa documentación ao xulgado.