O Concello reforza o protagonismo de Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego, que volve a Pontevedra do 9 ao 11 de novembro
Pontevedra, 22 de abril de 2024. Os días 9, 10 e 11 de novembro Pontevedra volverá a converterse no epicentro do gourmet galego coa celebración dunha nova edición Etiqueta Negra. O Concello de Pontevedra quere reforzar o protagonismo desta feira dentro do calendario expositivo municipal, para converter á cidade do Lérez en referente galego dos produtos gourmet.
Etiqueta Negra vén de iniciar a comercialización de stands para participar como expositor. Todos aqueles produtores de alimentos e bebidas de calidade feitos en Galiza teñen as portas abertas á única feira dedicada exclusivamente aos produtos de alta gama galegos.
A Concellaría de Promoción Económica, que dirixe Anabel Gulías, busca que Etiqueta Negra volva a ser unha cita ineludible no calendario feiral galego, xa que convoca cada ano no Recinto Feiral de Pontevedra a empresas e produtores, a profesionais da alimentación, da restauración e da distribución, así como a consumidores. Para as firmas expositoras trátase dunha oportunidade única para xerar relacións comerciais, propiciar o contacto directo, descubrir novos clientes e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos.
O Concello agarda que a edición deste ano volva a converterse nun éxito de asistencia, xere negocio para as empresas participantes e siga contribuíndo a destacar a singularidade, a orixinalidade e a maior calidade dos produtos do país.
Xunto á actividade da zona expositiva, en Etiqueta Negra desenvolveranse ademais espectáculos de cociña en directo, charlas, presentacións de empresas, de produtos e de novas liñas gourmet, degustacións, demostracións, exhibicións, catas comentadas e outras moitas actividades que se van suceder durante os tres días que dura o evento.