Pontevedra celebra a IIª Travesía a nado do río Lérez
Pontevedra, 24 de xullo de 2024. O vindeiro sábado, 27 de xullo, Pontevedra terá unha nova cita deportiva coas augas do río Lérez como protagonista. A segunda edición da Travesía a nado Río Lérez, organizada polo Club Natación Galaico e a Federación Galega de Natación dentro Circuíto Galego de Augas Abertas será unha realidade despois do éxito do evento do pasado ano.
A cita procura consolidarse como unha proba máis dentro do calendario deportivo da cidade e do país, e conta con ambición e moitas ganas por parte do seus organizadores, que recoñecen que o seu soño é facer unha proba internacional deste tipo no Lérez. Así, o CN Galaico solicitará a inclusión da Travesía dentro da Copa de España da especialidade.
Deste xeito, a proba desta fin de semana funcionará como un auténtico test de cara ao futuro e permitirá aos seus 200 participantes gozar dunha xornada de luxo. A cita conta co triatleta Javi Gómez Noya como padriño.
Cun percorrido de 2.500 metros, con saída, volta e chegada na praia fluvial, é posíbel gozar e animar desde a beira do Lérez ao longo de todo o fermoso percorrido. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou na súa presentación xunto coa edil de Deportes, Anabel Gulías.
“É unha das 7 probas do circuíto galego de augas abertas, contará con distintas categorías e cremos que é unha oportunidade moi interesante para Pontevedra e para gozar do noso río”, indicou o alcalde. “Agardamos que haxa unha participación ampla, cunha actitude deportiva e que todo o mundo o pase realmente ben”.